Unha mostra reúne no concello de Cruces doce obras dos nove artistas da última Xuntanza da Solaina

La Voz LALÍN / LA VOZ

VILA DE CRUCES

cedida

16 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O consistorio de Vila de Cruces acollerá ata o 30 de abril unha exposición na que se recollen unha ducia de obras dos nove creadores que participaron na última edición da Xuntanza Obradoiro das Artes Plásticas da Fundación Paco Lareo A Solaina de Piloño.

A mostra, que está situada nas escaleiras do consistorio, poderá visitarse, en horario de mañá, ata o vindeiro 30 de abril.

A exposición inclúe doce obras de pintura e escultura creadas por nove artistas chegados de diferentes puntos de España que foron seleccionados e convidados polo padroado da Fundación para participar na Xuntanza, que celebrou a súa décimo sexta edición do 7 ao 13 de xullo do 2024 na Casa Museo A Solaina de Piloño.

Os artistas son os seguintes: Ada Garrués Paularena (Pamplona), Aitana Iglesias Rodríguez (Lalín), Alba Matilla Iglesias (Asturias), Clara Letón Gil (Madrid), Inés Ortiz García (Burgos), Jesús Ramos Valencia (Cáceres), Noa Blanco González (Lalín), Manuel Cruz López (Almería) e Carlos Santos (Colombia), afincado na capital do Deza. Os participantes crearon ao longo da semana da Xuntanza diferentes obras nos talleres e intercambiaron opinións, experiencias e sentimentos. A xuntanza tamén serviu de homenaxe póstuma ao artista multidisciplinar Paco Pestana (Castroverde, 1949- Lugo, 2021).

A exposición foi presentada no concello polo alcalde de Vila de Cruces, Luís Taboada; a presidenta da Fundación Paco Lareo, Carmen Lareo; e o concelleiro de Cultura, Julio López Carballal.

O alcalde agradeceu a cesión das doce obras pictóricas e escultóricas á Fundación Paco Lareo. As pezas, que xa están expostas nas escaleiras da casa do concello, poderán desfrutarse ata finais do mes de abril.