Leticia Rei festexou os trinta coa estrea do single «Na Sombra»

Javier Benito
j. benito LALÍN / LA VOZ

VILA DE CRUCES

Gosia Trebacz

A compositora e cantante de Vila de Cruces prepara novo disco, «Danza Luz», onde todos os temas son en galego

20 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O pasado sábado foi un día moi especial para a compositora e cantante Leticia Rey (Vila de Cruces, 1995). E por partida tripla. Festexaba o seu aniversario, as tres décadas de vida, pero tamén as Letras Galegas e a estrea do primeiro tema, Na Sombra, do seu novo disco. Tras unha primeira incursión no galego con Baleiro, unha canción a modo de sorpresa e bonus track no seu anterior traballo longo, Lux, nesta ocasión decantouse por compoñer todo o novo disco na lingua de Rosalía.

Na Sombra é froito «de moitas horas de reflexión, de búsqueda da identidade, de comprensión do que nos rodea e de catarse interna para a autora», como reflicten dende a produtora Dezdedez. Con esta empresa asinou xa contrato para o seu primeiro traballo de longa duración xa cunha banda de artistas relevante, e despois de sacar un primeiro EP acústico, exclusivamente con guitarra e voz titulada como ela, Leticia Rey. A cantante cruceña, afincada agora na Coruña, destacou no 2020 ao gañar o concurso musical para talentos galegos de Estudios Mans, da Fundación Paidea.

Tras ese primeiro tema acústico chegaron os primeiros concertos en festivais como O Sinsal na Illa de San Simón ou no Teatro Principal de Santiago, a súa fichaxe por Dezdedez e Lux, publicado no 2022. Un disco rexistrado nun directo da banda sen que eles soubesen que se estaba a gravar por pistas. Foi a carta de presentación para o público, que descubría que jazz e soul, con maioría de temas en inglés, estaban na paleta artística de Leticia Rey. Un disco xa esgotado.

Na aquel tema Baleiro xa deixaba unha pista, ao empregar o galego, de por onde estaban a agromar novas composicións. No disco Danza Luz, coas pezas xa case rematadas, confiou a dirección musical no pianista e teclista lalinense, Iago Mouriño, con quen xa traballou en Lux. Non será o único músico de Lalín no proxecto, ao convidar Mouriño a participar a Benxamín Otero, que tocará diversos instrumentos de vento no espectáculo que preparan. Entre eles está o corno inglés, que precisamente toca en Na Sombra, ese primeiro single.

Aos dos músicos lalinenses hai que sumar o acordeonista e compositor bielorruso, Vadim Yukhnevich. Ademais, no novo disco hai tamén participación de varias mulleres en temas como vestiario, deseño, clases de danza, fotografía o arte gráfica, en concreto Viveka Goyanes, Elvira Saldaña, Estefi Gómez, Gosia Treback e María Maquieira.

José García exerce neste proxecto de enxeñeiro de son da gravación, con Arturo Vaquero na masterización das cancións nos estudios Abrigueiro de Friol. Danza Luz sairá en setembro.