Unhas festas a toda velocidade co seu popular Rali de Carretillas

naiara gonzález LALÍN / LA VOZ

VILA DE CRUCES

miguel souto

Sobre quince parellas participarán dende a Praza do Concello ata diante da igrexa

09 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Carretillas e condutores preparados en Vila de Cruces para arrincar motores coas festas na honra a Nosa Señora da Piedade, onde mañá se celebra a mítica competición do Rali de Carretillas, integrada cada ano dentro do programa destas festas patronais. A tradición cruceña require dun importante traballo en equipo, xa que nela particípase por parellas compostas por un dos participantes vai montado nunha carretilla, e por outro que desempeña a función de dar impulso ó vehículo, empurrándoo dende atrás.

Unha entretida proba na que ninguén obtén recompensa ao fin a carreira, máis alá de pequenos detalles por parte da organización. Non obstante, esta actividade atrae cada ano a un bo número de participantes. Nesta ocasión espérase unha afluencia de cerca de quince parellas que serán as protagonistas desta competición que encabeza o segundo día festivo no lugar.

Nesta decimoitava edición, comezarase a rodar na Praza do Concello, dende onde se desprazarán ata a Costa das Carretillas. Alí comezará a segunda parte, unha das máis divertidas da carreira, pola que correrán ata a zona do auditorio. Dende alí continuarán ata rematar diante da igrexa, onde competirán por última vez. No segundo tramo concéntrase a parte máis entretida desta ruta, na que os participantes terán que enfrontarse a múltiples desafíos e obstáculos que non poñerán nada fácil ós corredores a tarefa de chegar á seguinte e última parte do traxecto.

Deseños das carretillas

Unha xornada que transcorre sempre sobre rodas e na que os presentes non se deixan de sorprender ano tras ano. Isto é debido á aparencia das carretillas, unha cuestión de gran relevancia neste día, motivo polo cal nunca pasan desapercibidas neste encontro. Con creatividade e ocorrencia, os competidores coidan cada detalle do transporte que os acompaña durante esta tarde outorgándolle unha temática ou estilo concretos. Co único requisito de que a carreta conte cunha roda sobre o chan, os condutores e carrexados personalizan ao seu gusto estes elementos tan típicos, que un día ao ano se converten nos vehículos máis orixinais e únicos que se poidan atopar en Vila de Cruces.

A carreira será mañá as 17.30 horas, animando o segundo día das festas que comezan esta noite, e que se prolongarán ata o próximo luns 11 de agosto. Catro días de festa nos que non faltará a música, así como actividades simbólicas do concello cruceño entre as que sen dúbida destaca este famoso Rali de Carretillas.

A música será protagonista durante a fin de semana co tributo a Sabina como prato forte

Onte comezaron as Festas da Piedade en Vila de Cruces, que se inauguraron ás 22.00 horas coa Cea das Peñas na Praza do Concello. Hoxe os festexos comezan ás 12.00 horas co pasarrúas do grupo de gaitas Vai Nela de Salgueiros, ao tempo que se celebrará a misa solemne. Xa pola tarde, ás 17.30 h oras terá lugar o Rali de Carretillas, seguido ás 20.30 horas do concerto da Unión Musical Ponte Ledesma. A medianoite poderase gozar dun concerto tributo a Joaquín Sabina, La Penúltima Sabinera. Para pechar a noite poderase gozar da actuación da disco móvil Karamelo.

O domingo ábreo ás 11.00 horas co pasarrúas a cargo da Banda Artística de Merza, coa posterior misa solemne ás 13.00 horas. Tras esta a banda ofrecerá un concerto ás 14.15. Ás 19.30 actuará o grupo de baile Punteirolo, e a verbena estará amenizada pola orquesta Metrópolis.

O luns haberá misa solemne ás 13.00 horas, e pola tarde seguirase ao ritmo de Odaiko ás 18.30. Para a verbena gozarase da actuación do grupo Kubo, que será o que poña punto final a estas xornadas festivas en Vila de Cruces.