¿Por qué somos máis competitivos?

Xabier Martínez Cobas PROFESOR DE ECONOMÍA FINANCIERA EN LA UNIVERSIDAD DE VIGO

ECONOMÍA

19 ene 2014 . Actualizado a las 19:18 h.

A recente decisión de General Motors de trasladar parte da produción dun vehículo dende Corea a Figueruelas (Zaragoza), pon de novo sobre a mesa os efectos da deslocalización internacional da produción. Moitas persoas se preguntan se agora traballamos por menos salario e por iso somos máis competitivos, facendo que regrese a produción que se estivo trasladando ao longo deste anos a Asia e a outros territorios.

A resposta, aínda que non pareza unha resposta, é que nin si nin non. En primeiro lugar, que si, porque é certo que un menor custe salarial facilita a produción, sobre todo cando no custo de producir e vender eses artigos os custos salariais son unha elevada porcentaxe do total. É o caso, por exemplo, do téxtil, no que a roupa máis básica é intensiva en man de obra, e lévase a países cun custo laboral baixo, ata o punto de que países coma China comezan a ser caros comparativamente, e se procuran outros coma Birmania ou Vietnam. Se ao baixo custo salarial se lle engaden poucas garantías en prevención de riscos, saúde laboral ou medioambientais e baixa fiscalidade, estamos ante un modelo de produción que compite por baixo custo, e que tamén explica como é posible que un incendio nun taller mate a varios centos de persoas, como sucedeu no ano pasado.

En segundo lugar, hai que dicir que o que realmente é máis determinante para a escolla entre países non é o custe salarial, senón a produtividade. Se unha persoa nun país cobra cinco euros por hora traballada e emprega dez horas en producir un ben, o custo sobre ese ben é de cincuenta euros. Se outra persoa gaña vinte euros por hora e faino en dúas horas, o custo sobre o ben é de corenta euros. Sobre a produtividade non só actúa o custo da hora traballada, senón canto se produce e con que medios.

En terceiro lugar, hai outro conxunto grande de factores que determinan a elección dun lugar fronte a outros para producir: A existencia de persoal cualificado pode ser imprescindible para moitas actividades; a especialización dun territorio, que pode ter todo o que unha empresa necesita no seu entorno; a lexislación laboral e fiscal, a seguridade xurídica, as facilidades para instalarse e os incentivos ao investimento? unha chea de factores de diferente natureza que fan que para cada sector e para cada empresa escoller onde producir sexa diferente.

Pensemos, por exemplo, na automoción. Prodúcense vehículos en Alemaña, Francia, España e Marrocos ao mesmo tempo, con custos salariais ben distintos, e en todos á vez; pero o tipo de vehículos, as esixencias de coñecemento, tecnoloxía e capital, son diferentes.

Nunha economía aberta á produción e ao comercio mundial, como é a nosa, é fundamental crear as condicións que faciliten o investimento internacional e as decisións de produción en Galicia, e nos últimos vinte anos a realidade é que non desenvolvemos esa capacidade. As porcentaxes de investimento internacional nas estatísticas oficiais son pobres, e algunhas operacións recentes na mente de todos son resultado das nosas propias desfeitas empresariais e financeiras; sen embargo, non son os que veñen os responsables do sucedido, e nalgúns casos, coma o estaleiro Barreras, son a mellor opción para poñer de novo en valor as nosas capacidades produtivas. Un dos maiores pasos para a recuperación economía de Galicia sería un consenso dos axentes sociais e políticos para facilitar o investimento exterior no noso país.