Que o descenso dun 32 % do investimento do Estado en Galicia para este ano non mereza unha bronca indignación de Feijoo con Mariano Rajoy é algo insólito. Aceptar mansamente ese menosprezo unha semana despois da chuvia multimillonaria para Cataluña e o País Vasco evidencia unha debilidade política difícil de xustificar dende as filas do Partido Popular.
Unha rede ferroviaria de proximidade moderna e unhas autovías rematadas cohesionarían o territorio, crearían oportunidades de emprego e fixarían poboación. Quen non alzaría a voz por isto?
Ademais estes orzamentos son antisociais e indican que seremos máis pobres este ano. Cento dez mil galegos pagarán 8 euros máis pola cota de autónomos e pensionistas e funcionariado perderán máis de dous puntos de poder adquisitivo. Perdemos benestar.
Este agravio orzamentario indignaría a calquera. Por que está Feijoo tan manso? Porque agarda polo seu sitio en Madrid, como fixeron outros galegos antes ca el: sen molestar.