Benigno Pereira: «Meus pais avaláronme coas leiras. E pensaba: que non embarguen unha»

Sofía Vázquez
Sofía Vázquez REDACCIÓN / LA VOZ

ECONOMÍA

Sandra Alonso

O confundador de Queixerías Bama afronta unha inversión que superará os sete millóns co obxectivo de ter unha fábrica do século XXI

24 jun 2020 . Actualizado a las 19:46 h.

Benigno Nino Pereira Ramos (Turces-Touro, 20 febreiro de 1962) é deses empresarios que fan que a memoria do seu interlocutor teña para sempre algo no que ocuparse. Licenciado en filosofía, o cofundador -con Ángeles Calvo- de Queixería Bama lembra que comezou na casa dos seus país «coa intención de facerlles un pequeno obradoiro e que conseguisen elaborar queixo unha soa vez ao día. Porque alí facíase con cada muxidura, así que eran as dúas da mañá e estaban a facer os queixos da noite, e as sete había que levantarse para facer a muxidura da mañá. Malvivían».

-[Ten todas as datas importantes da súa empresa na memoria]

O 11 de setembro do 89 fixemos a escritura de Queixería Bama, que empezou a funcionar no 90, o 13 de novembro. Tiñamos un pequeno pasteurizador e unha cuba de 2.000 litros. Xa foi unha odisea encher a cuba de todo.

-Din que ao principio non cobraba.

-Un día que me rompeu unha peza dun coche e o arranxo custaba 50.000 pesetas e tiña que pedirlle os cartos ao meu pai, decidín que non podía seguir sendo así. Todo o que gañabamos o metiamos aquí. Tiñamos un préstamo da Deputación da Coruña por 14.974.000 pesetas, con vencementos trimestrais. O xuro ao 13,5 % e cada tres meses pagabamos 413.000 pesetas. O que pretendías era xuntar para pagar. Miña nai mandaba a meu pai cunha tortilliña porque sabía que se non me traía algo pasaba sen comer. Os principios, que son moi emotivos. Hai a ilusión de saír da miseria e sacar adiante un proxecto.

-Todo a crédito.

-Si, primeiro na casa dos meus pais. Despois os meus pais avaláronme cas leiras. O primeiro que pensaba era que non lles embargaran unha. Pouco a pouco fomos ampliando. En xuño do 91 empezou a traballar Vitoria, que xa era a terceira empregada.

-Leva 30 anos aquí e 14 pelexando coa Administración para que lle deixaran ampliar. Non lle gustaría matar a alguén?

-Non. Eu dentro da sociedade fago e fago ata facer que o imposible sexa posible. Esa é a miña máxima. Despois non teño ningún tipo de sentimento. Ademais, ¿a quen matas se pasaron administracións de todo tipo de colores políticos? O modelo burocrático español o denomino eu de «burocracia tóxica», onde o empresario é un presunto delincuente aínda que queira facer un proxecto empresarial de crecemento. E é tóxico porque existen normas e están claras, e hai vehículos (colexios de enxeñeiros, de arquitectos). O lóxico sería que rápido obtiveras o permiso e despois supervisar... Aquí tiñamos que presentar documentación ata en 15 organismos distintos. E en cada organismo atopamos unha circunstancia. O impacto ambiental tocáralle a unha funcionaria que estaba en redución de xornada e acababa case de chegar. Aburrín á xente preguntando por que non aparecía o meu expediente... Eu respecto á funcionaria porque ten todo o dereito a ter redución de xornada, pero o cidadán non pode ser vítima da situación.

-A inversión é de sete millóns.

-Creo que non nos chegan. Van a ser máis. O obxectivo é pasar da empresa artesán a outra mais industrial, do século XXI. Queremos sacar a esta industria da obsolescencia. Queremos modernizala. O crecemento xa o fixemos. Producimos ao ano dous millóns de quilos de queixo e cando acabe o plan inversor os mesmos, os que permita o mercado, que é limitado.

-Son unha fábrica de referencia en Galicia...

-Pensamos que si. Estamos vendendo en España, Portugal, Francia, Alemaña, Dinamarca, Irlanda, Inglaterra, EE. UU. e Xapón. Temos un 10 % de Consorcio de Quesos Tradicionales de España, e con eles facemos exportación.

-Cal é o mellor queixo do mundo?

-Déixame dicir máis dun: comté, stilton e parmesano.

-E o Bama.

-Preguntáchesme polo mellor do mundo. O noso é un dos mellores de España.

-Falemos de proxectos.

-Estamos traballando nunha liña de manteiga de calidade para obradoiros. Nos próximos dous anos esperamos ter o obradoiro. Queremos mellorar o perfil lácteo co que se fai o queixo, queremos coñecelo cada vez mellor.

[A empresa ten dúas patentes, unha delas relacionada coa obtención de bioetanol a partir da lactosa e outra de hidrolizados de proteína con propiedades funcionais (pasa rápido ao torrente sanguíneo e recupéraste pronto)].

-Por que toda esta I+D?

-Forma parte dun modelo de empresa: a de economía circular.

-Se tivera que marchar de Galicia, a onde iría?

-A Portugal, que ademais está preto de Galicia, que é onde me gusta vivir. Como empresario non teño intención de marchar a ningún lado. O que me gusta é ter proxectos sólidos, que funcionen e apuntalalos ben. E que eses proxectos funcionen. Aspiro a ter unha gran empresa, non unha empresa grande. Unha gran empresa pódese facer con catro traballadores.

«Miña filla María era un piar fundamental da miña vida. Quedei sen el e tiven que reequilibralo»

A pregunta de se é casado deu un xiro á conversa.

-Si, e con fillos. Por desgraza só me queda un. [As palabras, os ollos e os sentimentos de Benigno Pereira parten a alma]. Morreume hai catro anos. Tiña quince. Unha enfermidade autoinmune apareceu. Foi un anticorpo que o identificaron no ano 2010, supostamente era unha cousa moi rara. E quedei sen ela.

-Foi o pau máis duro da súa vida.

-Aínda non estou ben. María era un ser único e especial. Dende pequeniña... Ai, estouna vendo alí na foto collida da man da súa nai. Miramos o mundo enteiro... Puxéronse en contacto Houston e o Hospital de Santiago e falaron co investigador. Dixéronnos que estaba ben diagnosticado, pero que desgraciadamente era a variante máis radical. Estivo con nós quince meses dende que a diagnosticaron. E cando nos diagnosticaron, dixeron que o 85 % dos pacientes morrían antes dos seis meses. Facía obstruír tecidos novos e provocaba fibrose pulmonar. María aos 15 quedara co 44 % da capacidade pulmonar. Foi especialmente duro. Eu empezo agora a respirar. Tiven dúas etapas. Unha, ao pouco de morrer, na que me dediquei ao traballo como un animal. Logo rompín. Aínda non estou, pero empezo a ter enerxía para facer cousas.

[Fala da súa muller (admíraa: «Sodes de material distinto a nós») e do seu fillo, ao que, confesa, quere con loucura]. Eu aínda estou con neurólogo, peor estou mellor. Tiven tempadas que era un cadáver encima do cabalo. Non podía saír da casa. Lévame agora o neurólogo Secundino López Pousa, e estou dacordo coa súa opinión: foi tanto dano o que tiven que tiña un problema de lesións neuronais. Cambiamos o sistema e sigo co apoio de lonxe do psicólogo Emilio Gutiérrez -amigo xa-, que é catedrático de psicoloxía especialista en dó.

-Qué consello lle daría a un pai que pasara polo mesmo?

-O que me dixen a min mesmo: teño unha familia e non podo aportar máis dor. Son dos que se levanta pola mañá ca clara intención de facer a vida fácil aos demais. Non me gusta a palabra mandar, gústame máis tutelar co máximo respecto á persoa. O consello é: buscar maneiras de seguir adiante. O tempo non cura, pero axuda. Despois, o que máis me axudou foi a relación coa miña filla despois de morta. Teño todos os días moitísimas conversacións invisibles con ela, que me guían, que me axudan a ser persoa, que me din se o estou facendo ben ou non. Perdín o contacto físico coa miña filla, pero non perdín en absoluto a relación con ela. Ao principio si que me foi difícil, porque o dó pasa por moitas etapas. Tardei en canalizalo. Iba case todos os días ao cemiterio e quedaba sen enerxía. Estaba roto. Era a fase da negación. Aquilo destrozábame, e falei con ela e pactamos que non tiña ningún sentido. María onde estaba agora era no meu pensamento e onde eu estivese estaría ela. O feito de saber xestionar a relación coa súa ausencia foi o que me permitiu saber xestionar o que me queda de vida. Non podo estragala. Teño a sorte porque María era moi madura, ensinábame moitas cousas. Entón guíame moitísimo. Dinme conta de que poucas cousas mais duras me podían pasar. Cousas que antes me agoniaban a nivel empresarial ou persoal, hoxe son superficiais. Manéxoas con respecto, porque teño unha empresa con xente. Foron 15 anos con ela. Eu tiña unha bolsa de amor, para compartir con María toda a nosa vida. E esa vida pasou a ser nada. Non sabía que facer. María era un piar fundamental e cando me quedei sen el tiven que reequilibralo.