Onte morreunos, coma dun raio, Fernando Solla, a quen tanto queriamos

Xosé Fortes

ECONOMÍA

Fernando Solla, en el centro de la imagen, en una manifestación del 1 de mayo, día del trabajador, en una fotografía de archivo
Fernando Solla, en el centro de la imagen, en una manifestación del 1 de mayo, día del trabajador, en una fotografía de archivo CESAR QUIAN

A CIG amosa o seu pesar polo falecemento do seu ex secretario na Coruña

06 ene 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando falamos da Transición, a maioría da xente ten a impresión de que estamos a falar dun pacto entre políticos máis ou menos desenganchados do franquismo e os dirixentes da chamada militancia de esquerdas. Pero ese pacto non sería posible sen a militancia antifranquista de certos membros do clero, aqueles curas vermellos e bispos como Añoveros, Iniesta ou Tarancón; sen a aparición de Justicia Democrática (logo, Jueces para la Democracia); sen a conmoción que nas filas castrenses provocou a aparición da Unión Militar Democrática (UMD); sen o activismo das centrais sindicais, UXT e a dinámica CC.OO. E sen a actitude de apertura de personaxes do Movemento, cuxo exemplo máis notorio foi Adolfo Suárez. Pero, sobre todo, sen os cambios producidos na sociedade a principios dos anos setenta, sen que a xente máis nova fose perdendo o medo a manifestarse ata chegar a facerse os donos da rúa.

Non foi tarefa fácil. Os de máis idade lembramos múltiples casos de detención e tortura, e sobre todo lembrámonos dos mortos, tanto os asasinados en plena rúa como aqueles últimos fusilados en novembro do 75.

Un dos políticos máis activos naqueles anos de medo e esperanza foi o meu amigo Fernando Solla, que nos abandonou onte deixándonos aos amigos un baleiro no peito que nos dificulta respirar. Fernando, secretario xeral para Galicia daquel activo Partido do Traballo, e o seu compañeiro sindicalista, que nos abandonou hai uns anos, Muruzábal, puxeron Galicia a ferver. Fernando sería un dos redactores do «Estatuto dos Dezaseis», e Muru tivo a ousadía de subir á cheminea das Pontes, una fazaña incrible, para reclamar dereitos laborais.

Cando os anos nos foron retirando da política activa, reuniámonos de cando en vez como aqueles militares en Las cuatro plumas, recordando as nosas cargas de la Brigada Ligera. Ben fose na casa de Emeterio; na miña de Lapamán, onde se fundou a CIG; na granxa de Brives, onde Fernando practicaba a autosuficiencia alimentaria; na casa de Muru e Tony, ou nalgún restaurante comarcán. Sempre estabamos, ademais doutros amigos máis ou menos fixos, Fernando e Muru, Emeterio, Basilio, César Portela e mais eu.

Hai uns días estivemos vendo a Fernando no hospital; xa estaba grave, pero aínda lúcido e cun sorprendente sentido do humor. Para deixar de falar da súa enfermidade, contounos que estaba a escribir un apaixonante relato en clave político-policial, ilustrado por Yoseba, o fillo de Muru.

Pero, neste día frío de xaneiro, todos sentimos coma se nos faltase o aire. A despedida de Fernando déixanos, aos seus fillos Ledi e Mauro, á súa compañeira Berta e aos seus amigos, aterecidos. A emoción obrígame a recorrer ás palabras do noso poeta rebelde: «A las aladas almas de las rosas, del almendro de nata te requiero, que tenemos que hablar de muchas cosas, compañero del alma, compañero».

A Confederación Intersindical Galega (CIG) expresou onte «o seu máis sentido pesar polo falecemento de Fernando Solla Fernández, compañeiro de longa traxectoria tanto no sindicalismo coma en organizacións políticas da esquerda e do nacionalismo e que foi secretario comarcal da Unión Comarcal da CIG da Coruña. Quixo tamén o sindicato «trasladarlles súas condolencias e solidariedade á familia e amizades do finado e salientar o seu compromiso inquebrantábel na defensa dos dereitos da clase traballadora e na loita por unha Galiza ceibe e sen explotación». Solla, técnico superior de prevención de riscos laborais, foi durante anos dirixente sindical do sector do transporte e da propia CIG, exercendo como secretario comarcal da unión local da Coruña entre 1998 e 2001. Tamén foi membro do consello e do secretariado confederais, máximos órganos de dirección da central.