Vilagarcía acolleu o segundo Foro en Primeira Persoa do Rural, de Ence Terra
15 nov 2024 . Actualizado a las 08:38 h.A segunda edición do ciclo En Primeira Persoa do Rural, impulsado por Ence Terra, recalou esta semana en Vilagarcía de Arousa. En concreto, foi a adega Eladio Piñeiro Rural Wines a que serviu de escenario para coñecer as experiencias e os proxectos representados polo propio Piñeiro e por Carlos Malvido, socio da cooperativa A MeixoEira, queixería e explotación caprina situada en Moaña. Visibilizar o percorrido dos seus proxectos e servir de inspiración para os futuros emprendedores que recalen no ámbito rural foi, por segunda vez, o eixe da sesión. «Aquí non só se poden ofrecer produtos e servizos, senón tamén emocións», resumiu Piñeiro nunha das súas intervencións. No seu caso, despois de vender o coñecido Mar de Frades, impulsou un novo proxecto de elaboración de viños albariños dende o respecto á tradición da súa zona. Unha viticultura biodinámica, carente de fermentos foráneos, porque «un albariño non pode ter toques tropicais». Un proxecto que conta co recoñecemento dos consumidores, alén de Galicia. Para mostra, un dos exemplos que citou: «Temos xente que se tatuou o logotipo de Envidia Cochina». Algo similar pasou en EE.UU., a onde tamén chegan. Dende a súa adega, «a única das Rías Baixas que non comercializa viños dun ano», lanzou diferentes consellos para os futuros emprendedores. Así, Piñeiro insistiu en que «o que hai que facer é observar e copiar a contorna, crer en ti e arriscar, salvo que sexas Deus».
Pola súa banda, Malvido puxo o foco na necesidade de seguir apostando por un futuro máis sostible, especialmente no medio rural. «Dende logo que nestas contornas hai oportunidades, e ás veces non queda outra que saltar e arriscar». Así o fixeron dende a súa cooperativa con grande éxito. Nos primeiros seis meses, recibiron un recoñecemento internacional, e, este mesmo ano, recolleron o último para o seu queixo de cabra para untar da man do Clúster Alimentario de Galicia.
Malvido tamén aproveitou a súa presenza para falar da desconexión que hai entre as zonas urbanas e rurais. «Dedicámonos a facer visitas, e en Galicia comezamos a ver nenos que se sorprenden porque pensan que o leite sae dos briks. Aínda que pensamos que iso só pasa en Madrid». Un panorama preocupante ao que, dixo, hai que poñerlle freo.
Diversificar as oportunidades para que as opcións no territorio medren
«Hai que apostar e crear oportunidades no medio rural para que os que veñan poidan aproveitalas», subliñou Malvido nunha reflexión na que engadiu: «Se non lle damos outra oportunidade, se non creamos opcións no territorio que queremos manter, este vaise desfacer». Nese senso, Piñeiro apuntou que «é importante que a poboación do contorno rural crea na posibilidade de vivir e alcanzar as súas metas aquí».
Dispoñer dunha conectividade é vital para o desenvolvemento de proxectos no medio rural. A partir dese mínimo, Piñeiro e Malvido comentaron as necesidades coas que se atopan no día a día. «O medio rural é o campo, o agreste, a natureza, non o podemos encher de asfalto», apuntou o primeiro.
No tocante aos seus proxectos, o adegueiro explicou tamén: «Un viño é unha historia, unha zona e unha xente. O que máis valoran os consumidores é o noso emprendemento cun produto fiel ás nosas raíces». Malvido, pola súa banda, sinalou: «A parte boa que teñen proxectos artesanais coma o noso é que empezan con modelos a pequena escala e cun investimento pequeno, isto fai que o risco sexa máis baixo e poidas ir aprendendo durante o proceso».