Abordar os salarios: despegue ou ficción
ECONOMÍA

Que escandalo! Que escándalo! ¡Descubrín que aquí se xoga», presentábase alarmado o capitán Renault ante un agrietado Rick Blaine na imperecedoira película Casablanca, ordenando o peche do Rick’s café. Aquel local de lenocinio e xogo, que gozaba da complacencia das autoridades francesas e o permiso ata ese momento do malvado maior Strasser, perdera os seus privilexios por non colaborar. Do mesmo xeito que Renault —icono da ambigüidade moral do réxime de Vichy— finxía non saber nada no oscarizado film, en España temos finxido durante alomenos un par de décadas non saber nada do que estaba acontecendo cos salarios medios. Aínda que sexan os que percibe iso que agora se chama maioría social que, como sabemos, substituíu a clase obreira ou clase media, e que un iconoclasta columnista deste xornal, don Pedro Armas, denominou clase media aspiracional.
O salario medio no noso país era no 2005 de 1.471 euros ao mes en catorce pagas; no 2025 é de 31.600 euros, un 65 % máis. No mesmo período, o incremento nos salarios mínimos acada o 130 % (de 513 a 1.184 euros), mesmo aumento porcentual que a pensión media de xubilación (de 650 a 1.503 euros). No entanto, as rendas altas con salarios superiores a 10 veces o SMI disparáronse máis do 150 % (de 115.000 euros anuais a 280.000 en 2023, en datos da Axencia Tributaria). Pola súa banda, a inflación escalou case un 55 %. Fagan contas.
É certo que se teñen mellorado aspectos do noso mercado de traballo como os permisos, conciliación, igualdade... Mais, no estritamente económico, cabe preguntarse: qué pasa coas cousas de comer? O contexto de bonanza debería propiciar a negociación de incrementos substanciais para que a clase maioritaria amplíe a súa cota de participación nas rendas do país. Sen embargo, nas mesas de negociación dos convenios respírase en xeral un compás de espera ante a tramitación da redución de xornada. E aí temo que, se non hai outra compensación, a patronal plantarase alegando os custes de manter salarios por “menos traballo”. Non sería xusto.
Para a maioría social, a súa película pode parecerse máis á de Rick ficando en terra, e no tanto á feliz fuxida de Víctor Lazslo e Ilsa Lund desaparecendo entre as nubes naquel Lockheed Electra de Air France.