Miguel Varela: «É clave a aposta das empresas consolidadas polas que lles poden aportar solucións innovadoras»

Olimpio Pelayo Arca Camba
O. P. Arca SANTIAGO / LA VOZ

ECONOMÍA

XOAN A. SOLER

El fundador de Teimas reivindica esa alianza dende unha firma galega que dixitaliza a cadea de valor do residuo e hoxe traballa con multinacionais

21 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Miguel Varela (Ourense, 1977) é un dos fundadores de Teima, empresa galega de software especializada en dixitalizar a cadea de valor do residuo. Sabe, en primeira persoa, de innovación e emprendemento, os dous eixos do foro que organiza mañá APD en Santiago.

—A innovación crea oportunidades de negocio.

—Sen dúbida. A innovación non ten que ser un gran tendido tecnolóxico, pode ser facer as cousas de xeito distinto a como se facían, repensar modelos de negocio, é unha porta aberta para facer cousas novas ou que xa existían, pero de forma máis eficiente, cun impacto importante e que aporte valor ás persoas que as usan.

—É imperativo innovar nunha empresa de nova creación?

—Se es pequeno tes que ser máis áxil, máis innovador, porque para abrirte un oco no mercado, e hainos tremendamente saturados, tes que facer algo novo. A gran empresa o que ten é músculo económico, a capacidade de ser clienta da súa propia innovación.

—Como é a relación entre unhas e outras?

—Nós reivindicamos moito a figura das empresas tractoras, xa consolidadas, que se apoien noutras máis pequenas que fan solucións innovadoras, para resolver retos ou problemáticas que teñan. Dese xeito establécese unha relación de ganancia mutua: a grande soluciona un problema e a pequena valida se o que fai ten sentido e aporta valor. No foro imos abordar isto: que demanda a empresa tractora e que oferta a innovadora, e a importancia de conectalas, algo que tamén tratamos de facer dende Startup Galicia, fornecendo un ecosistema innovador galego. O caso de Teimas é un exemplo: se cando desenvolvemos a ferramenta Teixo no ano 2010 non tivéramos empresas grandes que confiaran en nós, probablemente non estaríamos aquí, con cerca de cincuenta persoas traballando na empresa.

—Algún sector no que funcionen máis esas alianzas?

—Diría que no sector tecnolóxico, no software, pódense dar máis: cun equipo pequeno tes capacidade para facer un produto aplicable a un cliente ou a un mercado determinado. E están entrando as tecnoloxías de intelixencia artificial, nas que pequenas empresas poden axudar ás grandes coas súas solucións a introducirse nesas correntes que non poden deixar escapar.

—Que os levou a crear Teimas?

—Nós vimos todos do mundo da enxeñería informática, e no ano 2008 vimos que o sector do residuo, moi presionado a nivel administrativo, con moita normativa de todo tipo, non tiña un software específico para desenvolver a súa actividade. Nós decidimos desenvolver esas ferramentas e telas dispoñibles na nube, que agora é moi común, pero no ano 2010 non o era tanto.

—E como o fan?

—O noso produto Teixo é o software de xestión de residuos máis implantado en España, máis de mil centros autorizados traballan con el. É unha ferramenta de xestión empresarial especializada na trazabilidade do residuo, dende o seu transporte ao tratamento final. E temos Zero, que se dirixe á empresa que produce o residuo. Traballamos con multinacionais como Repsol, Telefónica ou Iberdrola, que utilizan Zero para cumprir a normativa e dispoñer de información coa que establecer estratexias de redución de residuos, de emisións... Estratexias de economía circular para ter unha produción máis respectuosa co medio ambiente, que redunda en aforros económicos.

El foro de la APD se celebrará este martes en Santiago 

Miguel Varela participa este martes en el primer Foro de Innovación y Emprendimiento que organizan en Santiago APD y Xunta. Supera los 400 inscritos en una actividad gratuita, para la que ha sido necesario inscribirse en la web del colectivo. En la jornada intervendrán la conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, y Francisco Botas, presidente de la Zona Noroeste de APD. Durante el evento tendrán lugar varias mesas, que versarán sobre el poder de las alianzas en la innovación, la innovación desde empresas consolidadas, el emprendimiento o la financiación.