Universidade Aspectos históricos, artísticos ou sociais de ambas culturas son abordados na Facultade de Humanidades do campus lucense
03 abr 2006 . Actualizado a las 07:00 h.O reitor da Nova Universidade Búlgara, Sergei Ignátov, foi o encargado de pronunciar a conferencia inaugural do curso de primavera Perspectivas sobre Oriente e Occidente , que onte deu comezo na Facultade de Humanidades de Lugo e que se prolongará ata o venres. Con este curso, organizado ao abeiro do convenio Lugo Cultural, trátase de facer posible unha aproximación entre as culturas oriental e occidental, polo que, ao longo desta semana, se levará a cabo unha revisión dos aspectos máis importantes das relacións históricas, políticas, sociais, lingüísticas e artísticas entre Oriente e Occidente, entendidos como as grandes áreas xeográficas e culturais do planeta. Como recoñeceu a profesora de Filosofía, María Xesús Vázquez, que xunto co catedrático de Lingua Española, Alexandre Veiga, se encarga da coordinación do curso, «aínda se fala de Oriente como o alleo e só cunha aproximación ao alleo, ao outro, o mundo occidental poderá coñecer os seus prexuízos e recoñecerse, e deste xeito, abrir miras cara a outras culturas e outras civilizacións». Nas primeiras sesións deste curso, que se desenvolve en horario de tarde e que conta con máis de duascentas persoas inscritas, falouse das sociedades multiculturais do oriente helenístico; de como Mesopotamia pasou de ser cuna da civilización a converterse en escenario da barbarie; da escravitude entre a nobreza hispana, especialmente a galega, entre os séculos XVI-XVII, e da presenza musulmana na Galicia medieval. Na xornada de hoxe falarase da rusofilia de Emilia Pardo Bazán; de Valente e a apertura integral aos orientes; de literatura hebrea contemporánea e de escritores asiáticos en lingua inglesa. Ademais, proxectarase a película A miña fermosa lavandeira , de Stephen Frears.