Uns 150 profesores participan na Semana de Educación que se celebra a partir de mañá no Pazo da Cultura
23 sep 2007 . Actualizado a las 02:00 h.Desde mañá luns, día 24, e ata o venres 28, en horario de tarde, de 17 a 21 horas, arredor de 150 docentes de Pontevedra e comarca participan nos obradoiros da Semana de Educación de Pontevedra que organiza a Confederación Intersindical Galega e que este ano acada a súa 19 edición.
Este encontro de profesores está coordinado por Xacobe Rodríguez Rivas e Mª Olida Vázquez Fernández e abrirase o luns, ás 17,00 horas coa entrega do material e media hora despois, Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística e profesor de ensino secundario, dará a conferencia inaugural que versará sobre o tema O novo decreto de Normalización Lingüística, análise e perspectivas.
A Semana de Educación conta cunha serie de obradoiros optativos, impartidos por persoal especializado, nos que se abordan diversos aspectos relacionados coa aprendizaxe e a educación que se poden trasladar as clases, e se ofrecen pautas para resolver os conflitos que poidan xurdir dentro das aulas.
Haberá un obradoiro musical de percusión, a cargo de Lola Fernández Parada, mestra no CEIP San Martiño de Salcedo en Pontevedra, e compoñente e colaboradora de diversos grupos musicais galegos que explicará os diferentes tipos de percusión, uso e manexo básico así como o uso real nas aulas.
Tamén haberá un obradoiro de dinámicas de grupos e resolución de conflitos, que dirixe Ana González Quinteiro, licenciada en Filoloxía e diplomada en Educación Social.
Este foro ten unha metodoloxía basicamente experimental dado que as técnicas que se amosan so se poden coñecer mediante a práctica. Abordaranse as técnicas máis adecuadas para prever conflitos, as características fundamentais dos grupos infantís e xuvenís, o liderazgo, o traballo en equipo ou os roles dun grupo, entre outros aspectos.
Outro dos talleres ofertados é o denominado Os nenos elaboran teorías propias. Achegamento ao construtivismo, impartido por Belén Velasco Pazos e Ángeles García Castro, mestras de educación infantil e membros do grupo de traballo Novas Tecnoloxías en Educación Infantil.
E finalmente, haberá outro obradoiro de construción e montaxe con monicreques na aula, a cargo de Carmen Domech e Jorge Rey, creadores e manipuladores de monicreques, membros do grupo de títeres Cachirulo con unha ampla experiencia tanto no mundo teatral como na impartición de cursos para nenos e profesores.
A clausura desta Semana de Educación da CIG estará a cargo do grupo Pavís Pavós contacontos, que falarán sobre A arte de contar contos: selección, recursos, técnicas e fórmulas máxicas.