A UDC volve elixir Carballo para darlle pulo ao galego

carballo / la voz < / span>

EDUCACIÓN

A Universidade da Coruña e o Concello celebrarán en xullo na localidade o sétimo encontro de normalización

21 jun 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

A boa acollida obtida polos cursos de verán sobre dinamización lingüística celebrados en anos anteriores en Carballo animou aos responsables da Universidade da Coruña e do Concello a volver colaborar para facer da localidade bergantiñá a capital do impulso da lingua galega.

O reitor da UDC, José María Barja, e o alcalde carballés, Evencio Ferrero, formalizaron onte esa colaboración nun acto no que a directora do Servizo de Normalización Lingüística da institución herculina, debullou o contido das xornadas que se celebrarán os días 20, 21 e 22 de xullo no Pazo da Cultura.

Tras destacar a categoría dos convidados, entre os que citou a Pilar García Negro, Celso Álvarez Cáccamo ou Nel Vidal -normalizador do Concello carballés e presidente do organismo que agrupa ao colectivo-, ademais dos convidados doutras comunidades -coma José María Sánchez Carrión, Txepetx e Gemma Sanginés, que falarán da situación do eusquera e o catalán-, Sanmartín sinalou que un dos aspectos máis importantes do curso serán «as achegas dos asistentes». Apuntou tamén que o obxectivo último é «facer posible vivir na nosa lingua» e lograr que as conclusións teñan unha aplicación práctica.

O reitor da UDC uniu ao listado de invitados citados o nome de Fermín Bouza Brey e engadiu entre risas que «Carballo non é un pobo pequeno», mentres que Ferrero gabou a calidade dos cursos de verán da universidade e abriu a porta a ampliar a colaboración a novos eidos.

Esta actividade está dirixida a todas aquelas persoas interesadas no ámbito da normalización e, especialmente, ás que traballen nese campo, aínda que a primeira e a última sesión estarán abertas ao público en xeral, ao igual que a representación da obra Pelos na lingua, de Talía, prevista para o xoves 21 de xullo. A inscrición estará aberta ata o día 8 (máis información en ude.es/occ).