
Universidade de Santiago acolleu o acto en lembranza do xeólogo laxense
16 ene 2015 . Actualizado a las 05:00 h.A figura e o legado de Isidro Parga Pondal (Laxe, 1900-A Coruña, 1986) conseguiron onte xuntar en Compostela a tres mundos non sempre coincidentes, como son a política, a universidade e a empresa, e espertar o seu aplauso unánime. A Facultade de Químicas da Universidade de Santiago foi o escenario escollido para lembrar a un investigador que pese a ter sido represaliado e expulsado desa institución en 1936 polas súas ideas galeguistas e progresistas, foi capaz de refacerse e desenvolver desde a súa vila natal unha brillante carreira que deu importantes resultados no eido do coñecemento, pero tamén da empresa.
Así llo recoñeceu o conselleiro de Cultura, Xesús Vázquez, que gabou de Parga Pondal o seu convencemento de que «o progreso económico da nosa comunidade tiña que ir da man da nosa lingua e da nosa cultura» e que o puxo como exemplo a seguir hoxe en día: «Se conseguiu integrar Galicia na modernidade científica e empresarial europea de hai oitenta anos, hoxe temos moito máis doado levar o seu espírito aos homes e mulleres que procuran un auténtico benestar colectivo».
Unha visión novedosa
«Con Parga Pondal aprendemos a importancia de combinar o esforzo persoal, a visión institucional e o tecido empresarial (...) e comprobamos que debemos sempre defender o talento e a formación e priorizar os retos ilusionantes e coherentes ante modelos burocráticos e rutinas consolidadas, non por eficaces, senón por vellas», sinalou pola súa banda o reitor da Universidade compostelán, Juan Viaño, durante un acto no que tamén participou o seu homólogo coruñés, Xosé Luís Armesto, e que foi impulsado polo Foro Peinador, que preside Xosé González Martínez, ao decidir dedicarlle o seu Día da Galicia Empresarial.
Viaño destacou que Parga Pondal foi o resultado das políticas de apoio á formación e a investigador implantadas durante a Segunda República, «pero tamén dun espírito emprendedor e, innovador» que o levou desde o seu Laxe natal a poñer en marcha o Laboratorio Xeolóxico de Galicia e elaborar o mapa da xeoloxía deste país que propiciou o achado das minas que propiciaron a industria cementeira.