A importancia da educación secundaria

Celso Currás
Celso Currás A NOSA ESCOLA

EDUCACIÓN

MABEL RODRÍGUEZ

05 oct 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A etapa educativa de secundaria abrangue, no noso país, dos 12 aos 18 anos e inclúe a ESO, que é obrigatoria, e o bacharelato e a formación profesional, postobrigatorias. É un tempo decisivo na formación dos rapaces e unha ponte entre a infancia e a madurez, que posibilita o acceso aos estudos universitarios ou a integración na vida laboral. Pero acostuma esquecerse que este período educativo é esencial tamén para adquirir unha formación xeral que proporciona as competencias e a bagaxe cultural que todo cidadán debe posuír na sociedade actual. Nada menos que dominar os saberes básicos, expresarse e actuar con corrección e independencia, utilizando de maneira crítica as fontes de información e practicando valores como a responsabilidade, a tolerancia ou a xustiza.

Aínda que non deixa de diminuír, a taxa de fracaso ou abandono escolar, que se refire á porcentaxe de mozos de 18 a 24 anos que remataron a ESO pero non conseguiron finalizar a secundaria postobrigatoria, segue a ser alta. A primeira causa é a falta de motivación do alumnado pola actividade intelectual. Non existe desexo de aprender e, xa que logo, o estudo resulta infrutuoso, provocando suspensos, repetición de curso ou mesmo abandono escolar. Falla tamén a vontade, xa que os rapaces están acostumados a levar a cabo tarefas cómodas, moi centradas nas novas tecnoloxías, pero son incapaces de dedicarse con constancia á lectura, á memorización ou á resolución de problemas. A orixe do fracaso está tamén nunha metodoloxía inadecuada, posto que moitos estudantes carecen das máis elementais técnicas de traballo intelectual, imprescindibles para estudar e aprender. Exemplos son a lectura rápida e comprensiva, capacidade de razoamento e de síntese, memorización, ou selección e busca de documentación.

O centro escolar ten un papel moi importante na loita contra o fracaso escolar mediante unha boa orientación educativa e profesional, a práctica constante das técnicas de estudo ou a atención especial ao alumnado con retrasos. Pero o éxito escolar do estudante de secundaria depende moito máis da implicación da familia. Os pais débense preocupar polo día a día dos fillos, dialogar con eles e interesarse polos seus intereses e dificultades, fomentando a responsabilidade e o esforzo para conseguir os obxectivos. A motivación polo estudo pódese potenciar co fomento de hábitos de lectura e de interese por saber máis, ao mesmo tempo que se controlan os tempos dedicados ás novas tecnoloxías como ocio. Os xogos electrónicos, redes sociais ou televisión, téñense convertido en grandes inimigos do estudo, sobre todo polo moito tempo que lle rouban.