Volve o principio de curso. Volve o arrecendo a xiz naquela escoliña de barrio onde deprendín as primeiras letras, aínda que debo dicir que quen primeiro me ensinou a ler foi o meu avó Valeriano, sentado no seu colo, diante das páxinas de Faro de Vigo. Pero a primeira escola foi aquela do barrio, e despois don Jorge e don Luis, na preparatoria do Vergel, en Pontevedra. Igual que os primeiros bicos, esas primeiras experiencias endexamais se esquecen. O bacharelato veu despois. Cos primeiros amores e as primeiras descubertas. Don Mariano García, profesor de Ciencias Naturais no instituto, amosounos en 1963 a estrutura do ácido ribonucleico e os primeiros secretos do ADN, un ano despois de que James Watson e Francis Crick recibiran o premio Nobel polos seus descubrimentos.
A universidade, digo, veu despois. As primeiras grandes descubertas están no bacharelato. Agora tamén na educación secundaria. Son os anos onde a personalidade do alumnado é plastilina, cando máis receptivos son. Tamén cando son máis vulnerables. Un bo profesor ou unha boa profesora, con tempo para dedicar á súa materia, con recursos e con paixón (porque a paixón e a curiosidade forman parte do coñecemento: a capacidade para transmitir o coñecemento) pode transformar ou modelar as personalidades máis difíciles. Todos os que dedicamos anos ao ensino neste período temos exemplos. A adolescencia sobre todo é unha idade complexa, na que o rapaz ou rapaza empezan a exercer a autodeterminación persoal, alén da protección da casa ou os discursos da familia. Os profesores son referentes e guieiros. Tamén os compañeiros, que son os espellos nos que se miran. Non é un traballo fácil. Pero é fundamental.
Teño diante de min o último libro das profesoras Ánxeles e Isabel Abelleira: Um caminho para a educación infantil. Aprendendo con viagens pedagógicas à Galicia. Está en portugués-brasileiro porque naceu coma un encargo, ou coma unha demanda, en certa maneira coma unha pregunta formulada dende a outra beira do océano: existe unha maneira galega de entender a escola? Existe unha maneira de descubrir o mundo dende aquí?
A proposta son 130 páxinas que seduciron os brasileiros: andar o país, procurar os seus espazos orixinais, a súa paisaxe, a natureza, a fala e a xente, as historias ou memoria colectiva que hai detrás de cada volta do camiño, de cada monumento ou de cada pedra. Debater e compartir. Acompañar o coñecemento con outros coñecementos que o enriquecen. Non impoñer, descubrir. E pensar que cada paso é semente de futuro. Con alegría, que ben que a necesitamos. A única chata que lle poño ao libro é o adxectivo infantil para definir o modelo pedagóxico que nos propoñen as autoras. Traballei dez anos no ámbito da adolescencia, repito, e as propostas máis eficaces eran moi parecidas, incluídas as descubertas da comunicación e as novas tecnoloxías.