Xa están os alumnos escolarizados e as familias ilusionadas co comezo dun novo curso. Atrás quedan as preocupacións pola busca do centro educativo desexado, pola compra de libros e materiais ou pola selección de servizos complementarios.
Agora o obxectivo é que os fillos estean contentos cos seus mestres e que aproben todo, pero para conseguilo fan falta outras tres preocupacións moi importantes. A primeira, organizarse de maneira que se poida estar cos fillos o maior tempo posible, para falar con tranquilidade, interesarse polos seus problemas e controlar o uso das pantallas, non só deles senón tamén das propias. Evitar que, como dixo Riesman, a familia se converta nun grupo de persoas solitarias, cada unha co seu aparello, sen interesarse para nada polos demais. É certo que as condicións de traballo actuais non permiten estar cos fillos todo o tempo que se quixera, pero, sexa máis ou menos, hai que aproveitalo. Se os pais non educan, outros han facelo por eles, sexan familiares, amigos ou, o que é máis frecuente, a rúa e as pantallas.
En segundo lugar hai que axudarlle aos rapaces a planificar o traballo intelectual ao longo do curso. Despois dun verán desorganizado deben adquirir de novo o hábito de estudo e evitar a improvisación no día a día. E non fai falta grande formación para facilitar estas tarefas aos fillos, xa que abonda con destinarlles un lugar fixo e cómodo para estudar e controlar que o fagan, a poder ser, á mesma hora e sen perdas de tempo.
Desde que os nenos entran na escola é esencial que se senten tranquilos a traballar nas súas tarefas. Son suficientes, como mínimo, uns 20-30 minutos diarios en educación infantil, aumentando logo de xeito progresivo ata chegar a 1-2 horas en primaria e o dobre en secundaria.
Resulta eficaz que os nenos acostumen facer un cadro cos horarios de estudo e de descanso, que terán á vista e cumprirán, agás causas maiores.
Por último, o interese polo estudo e a capacidade de esforzo van ser decisivos para o éxito académico ao final deste curso.
O apoio e estímulo dos pais son esenciais cara a conseguir a motivación e autoestima que precisan os fillos para superar as dificultades, pero tamén é necesaria a autoridade que lles inculque tolerancia ás frustracións. Cando toca estudar, hai que estudar, e non se pode xogar, mirar a televisión ou poñer desculpas para non facelo. Está demostrado que o traballo intelectual require concentración e esforzo continuado, que se consigue con hábito e constancia.
A vontade é, sen ningún tipo de dúbida, a educación das educacións, base de calquera éxito que persigamos na vida, pero moi deostada na actualidade pola cultura da facilidade para conseguir as cousas que queremos.