José Manuel Sande, candidato de Por Coruña: «Chegamos para ser relevantes, influír e gobernar»

David García A CORUÑA / LA VOZ

ELECCIONES 28M

MIGUEL MIRAMONTES

O candidato da alianza de Podemos e Esquerda Unida volve á política municipal tras ser concelleiro coa Marea e con máis experiencia e un carácter máis «combativo»

10 may 2023 . Actualizado a las 20:13 h.

José Manuel Sande (A Coruña, 1972), torna á política municipal como candidato de Por Coruña, unha mestura de Podemos, Esquerda Unida, Alianza Verde e independentes.  Despois do seu paso por María Pita como concelleiro da Marea, agora afronta unha nova etapa con máis experiencia.

-Cales son as bases do seu programa?

-O programa é un contrato social coa cidadanía. Nós o artellamos en bloques que dan relevancia a todos os aspectos. A vivenda e a mobilidade son dous dos eixos interconectados e determinantes. A cultura e o deporte representan a nosa marca identitaria de cidade, en simultáneo á acción e á dinamización socioeconómica. A mellora dos servizos sociais, o reto verde ou a defensa do público vense suxeitos a novos desafíos.

-Cales son os principais problemas a resolver na cidade?

-Hai un gravísimo, o acceso á vivenda. Tamén a mobilidade e a crise medioambiental, o que inclúe a limpeza, requiren solucións valientes e responsables. Precisamos un proxecto coherente con respecto á actividade que xenera e enriquece A Coruña e un cambio de mentalidade que permita abordar as grandes cuestións urbanísticas e integrar definitivamente o porto na cidade.

-Como viu estes últimos catro anos?

-Demasiado apagados, marcados pola pandemia -unha oportunidade de planificación perdida-, a ausencia dun proxecto político claro ou coherente e as relacións internas no goberno menos saudables xamais vistas na historia do Concello.

-Por que o cambio da Marea a Podemos?

-Son un candidato independente que cre nos proxectos de unidade, na cooperación. Non concibo outro modo de entender a política que o diálogo e o entendemento. Por Coruña suma movemento cidadá e confluencia de partidos. 

-Que diferencias hai entre o José Manuel Sande da Marea e o de Podemos?

-Son en boa medida o mesmo, aínda que a experiencia e o sentido práctico que esta facilita, máis unha vontade de indignación que non desaparece, fanme de seguro máis combativo.

-Como buscará convencer aos cidadáns?

-Non son de proselitismos. Vimos a falar como somos, con autenticidade, con honestidade, de xeito respectuoso, e a tratar de resolver aquilo que non funciona. É a actitude, sumada aos feitos, a que incita á convicción.

-Que perfís forman a súa candidatura?

-É unha candidatura plural e versátil, que contempla desde traballadoras de diversos sectores ata figuras activistas e loitadoras históricas, de xente moza a veteranos de mil batallas. Todos perfís de compromiso e cordialidade. Nunca vin un proxecto tenso ou tóxico que prosperase.

-Que suporía entrar na corporación?

-Chegamos para ser relevantes, influir e gobernar.

-Que coche ten? Ou como móvese se non o ten.

-A miña parella ten un coche de uso familiar, pero eu non conduzo. Nos desprazamentos pola cidade vou case sempre a pé. A maior parte do ano recorro unha media de 15 kilómetros diarios.

-Cal é a app que más usa no móbil?

-Algunhas de música e de cine.

-Destaque un libro e unha película ou serie recente.

Un libro brillante e cheo de sutileza, El retrato de casada, de Maggie O'Farrell. Tamén descubrín os textos humorísticos de Nora Ephron. Un filme salvaxe e memorable, Unicorn wars, animación a cargo do coruñés Alberto Vázquez. A serie sobre o caso Aldo Moro, Exterior noche, paréceme espléndida.