Que faría se fose alcaldesa | Chelo Loureiro, produtora e directora: «Intentaría recuperar en Ferrol a praia de Copacabana»

ELECCIONES 28M

O primeiro que faría, di a gañadora de dous premios Goya, sería «darlle unha capa de pinturaa toda a urbe» na que naceu
12 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Aínda está recente o Goya que Chelo Loureiro gañou como produtora de Unicorn Wars, de Alberto Vázquez (o ano pasado conseguíao por Valentina, dirixida por ela), pero agora, por un instante, deixa o cine. Imaxinariamente, sitúase á fronte do Concello de Ferrol, a súa cidade. O primeiro de todo, o pragmatismo: «Habería que centrarse en poucas cousas e tratar de levalas adiante».
Na súa opinión, urxe mudar a imaxe da cidade: «Ferrol é fermosísima, pero a xestión de márketing é horrorosa. O primeiro que faría sería darlle unha capa de pintura a toda a cidade». Destaca o barrio da Magdalena como unha marabilla, pero con moitos locais e casas en situación de abandono. Segundo subliña, debe primar o ben público por riba do privado: «Se ti tes unha propiedade, tes que mantela. E se non podes, terás que vendela. Pero o que non pode ser é que haxa casas en estado ruinoso e que non se obrigue a mantelas, cando menos a fachada. Iso é un ben público. Toda a parte do porto habería que obrigar a mantela perfectamente e a restaurala».
Un dos campos de actuación de Loureiro sería a zona do cuartel Sánchez Aguilera: «Quen chegue a Ferrol en tren ou en bus e se atope con iso, quererá comprar un billete de volta. Sabemos que se van facer vivendas sociais». O que propón? Deixar unha parte especial para obradoiros e residencias de artistas que incluso poida ser visitada.
O outro eixo sería o mar: «Intentaría, por todos os medios, recuperar a praia de Copacabana. É absolutamente demencial que unha cidade que conta con algo tan valioso como é ter unha praia na propia cidade, se pavimentara para montar almacéns de empresas». Así, di, poderíanse fomentar os deportes do mar pois a ría de Ferrol «é perfecta para facer deporte sen riscos».