De quen veñen sendo os candidatos?

Avelino Ochoa
Avelino Ochoa O GROVE / LA VOZ

ELECCIONES 28M

MONICA IRAGO

Paréceme cuestionable o sistema de inclusión nas candidaturas mediante listas pechadas

14 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Desde os partidos que se presentan ás eleccións municipais sae un comentario común: é difícil confeccionar unha candidatura electoral, a cidadanía fuxe do compromiso —solidario, xeneroso— de ser concelleiro. Sen embargo, non coñezo ningunha organización que promovese un proceso electoral para designar á totalidade dos integrantes das listas. Nunca tiven a experiencia de resultar escollido para tal honor, pero paréceme cuestionable o sistema de inclusión —dedazo— nesas candidaturas e, particularmente, a elección de concelleiros en municipios pequenos mediante listas pechadas. Discrepo, ademais, xa non só da existencia mesma das anacrónicas deputacións, senón de que os concelleiros electos que alcancen a condición de deputados sexan designados tamén de facto polos partidos políticos.

É dicir: para integrar unha lista electoral municipal, pechada, hai que someterse ao aparato do partido e, de novo, serán eses dirixentes —que carecen de lexitimación popular— os que nomearán aos integrantes da corporación provincial. No fondo, paréceme que unha das pexas que se poden apoñer á democracia española é a ausencia de lexitimidade popular previa dos integrantes das listas municipais e, en consecuencia, dos membros da Deputación e do seu órgano de goberno. Por esta e outras razóns a desaparición das Deputacións é imprescindible.

De todos os xeitos, a crise política do 2008 en España facilitou un cambio, pequeno e que non significou reforma legal algunha, na elección dos cargos dos partidos e dos integrantes das listas electorais porque as novas formacións aparecidas nesa data —PodemosCiudadanos..., que parecen desincharse— adoptaron estratexias de selección de candidatos máis democráticas e, dalgún xeito, contaxiaron aos partidos tradicionais, onde sempre foran as súas elites políticas as que seleccionaban cargos e candidatos, nunha especie de ditadura dos gobernos deses partidos. É certo que o PSOE, cada vez que se veu afectado por un desastre electoral ou inestabilidade —podemos citar a de mediados dos 90—, fixo progresos modestos, aínda que a selección por primarias só se empregou despois de dimisións, mantendo a elección da dirección do partido mediante delegados, talmente como o PP.

En España, desde a restauración da democracia ata 2014, as primarias non foron habituais nos partidos grandes, nin sequera para seleccionar os líderes. Nese ano, a irrupción doutros partidos provocou mecanismos máis participativos na selección de candidatos. E, así, o PSOE implantou primarias como método de elección preferido para a primeira posición do partido e o PP vai dando pasos nese camiño a través dun sistema, digamos, multietapas. Non obstante, ámbolos dous optan de xeito predominante por sistemas de delegados. Os partidos novos, Podemos e Ciudadanos, utilizan as primarias para elaborar as listas de candidatos, aínda que o de Ciudadanos é híbrido porque só elixe o primeiro posto.

Na ciencia política vénse dicindo que os partidos actúan como gatekeepers, —porteiros— para determinar a posición deses candidatos nas listas e, polo tanto, as posibilidades de resultaren electos. Supoño que prescindirán da valía de cadaquén e que será o xeito de asegurar fidelidade ao partido, que pode ser ou non compatible co mandato popular que reciban os elixidos. Estes días publicáronse as listas electorais de cada municipio: a realidade foi —non sei se exactamente todos os casos— que os integrantes foron nomeados polas direccións de cada partido, sen celebraren primarias. Iso seguramente provoca submisión, acatamento, obediencia, mansedume de cada un dos integrantes coa respectiva dirección orgánica. Xa non me queda espazo para seguir escribindo e véñenme á cabeza, non sei por que razón, unhas frases feitas coas que rematar este artigo: «Baila o can polo pan» , «Chámame can e dáme pan», ou «De quen vés sendo». Se me entende, elixa vostede.