A cabeza de cartel encara con ganas unha campaña que espera moi aberta
16 may 2023 . Actualizado a las 05:05 h.A cabeza de lista do PSOE da Pobra, Patricia Lojo, encara a campaña que acaba de comezar con ganas, ilusión e convencida de que o traballo feito nestes últimos anos dentro do goberno local dará os seus froitos nas urnas. Polo momento, concéntrase en levar porta a porta a súa mensaxe.
—Como afronta o maratón de actos da campaña electoral?
—Aí imos, temos mitins todos os días e toca patear as parroquias co buzoneo e o reparto do noso programa. Persoalmente a min é o que máis me gusta, o trato coa xente.
—Que atoparán os veciños que acudan aos mitins programados?
—Imos explicar o noso programa en liñas xerais e logo tocar as propostas concretas para cada parroquia. O que temos claro é que imos orientar a nosa campaña en positivo, en dar a coñecer as nosas propostas, non faremos campaña en contra de ninguén. Cada un ten que defender o seu programa, sempre en positivo.
—Cales son as prioridades que recollen no seu programa?
—O máis importante para nós é o crecemento económico e nesa idea imos basear a nosa campaña. Xa dixen que o mandato pasado foi o dos servizos, e o próximo ten que ser o do crecemento e a creación de emprego. Un pobo colle vida cando hai traballo e oportunidades de futuro, e iso pasa por ampliar o chan industrial, é o que toca para avanzar. Outro aspecto clave é a aposta por A Pobra como destino turístico. Hai que seguir impulsando o Camiño A Orixe, pero tamén traballar co sector privado e potenciar o turismo cultural e patrimonial.
—Teñen iniciativas concretas para o rural?
—Nas parroquias imos darlle prioridade ás propostas dos propios veciños, porque son eles os que mellor coñecen o seu territorio e as necesidades que hai. Promoveremos uns presupostos participativos. Para nós é moi importante contar coa xente das parroquias, é moi importante facer ese exercicio de escoita. A nivel de xestión, queremos abrir o Concello, unha Administración aberta pode aproveitar mellor o inmenso capital humano que temos.
—Que expectativas ten para o 28 de maio?
—Cremos que a esquerda vai sumar, estou convencida. Coido que vai estar moi apertado e a ver como se reparte a representación, pero a esquerda ten que entenderse porque os tempos de maiorías aplastantes acabaron. É o que sentimos, e esperamos que sexamos nós os que lideremos o novo goberno.
Recibe cada tarde en tu correo la newsletter Elecciones 28M con el adelanto en exclusiva de la encuesta de Sondaxe para La Voz y el resumen diario de la campaña en Galicia. Si todavía no eres suscriptor, suscríbete por solo 2€/mes.