Luis Oujo: «O PP vai gañar as eleccións en Porto do Son, pero queremos a matrícula de honra»

ELECCIONES 28M

O sonense é un dos alcaldes que máis tempo leva no cargo, pero sinala que fai políticas pensando no día que deixe de selo
17 may 2023 . Actualizado a las 05:05 h.A estas alturas Luis Oujo é xa un veterano nisto da campañas electorais como cabeza de lista do PP de Porto do Son, pero a pesar diso e de ser un dos rexedores que máis tempo leva no cargo e cun maior apoio, non se relaxa. «Ata o día 28 non hai absolutamente nada gañado», remarca.
—Nas anteriores citas coas urnas, o tema estrela era o saneamento, cal será o cabalo de batalla desta volta?
—O saneamento era un dos compromisos que adquirimos cos veciños e en 12 anos fíxose unha inversión moi grande que era necesaria. Agora que temos a infraestrutura básica en todas as parroquias, o que nos queda é levar o servizo a eses pequenos núcleos que están máis afastados da rede xeral. Tendo iso cuberto o que nos preocupa agora é a seca que está afectando a España, debemos prepararnos para cando chegue e niso estamos traballando xa. Tivemos encontros con comunidades de augas para aproveitar as súas infraestruturas e en proxecto está a construción dun gran depósito, porque en Galicia de momento hai auga, pero non se almacena. Outro aspecto importante é o da modificación do PXOM para trasladar a edificabilidade que hai nas vilas do Son e Portosín aos núcleos rurais porque a xente o que demanda é poder facer unha vivenda unifamiliar no seu concello.
—Está tamén pendente a creación de chan industrial.
—Si, espero que este sexa o mandato do polígono empresarial, queremos ir desenvolvéndoo por fases e imos buscar acordos con todos os propietarios dos terreos onde se vai facer. Outro proxecto importante é o novo colexio de Portosín, para o que xa puxemos chan a disposición da consellería, e a rexeneración da praia de Coira. E tamén agardamos que se leve a cabo o novo centro de saúde de Porto do Son.
—Sempre hai cousas por facer nun concello?
—Sempre, se non as houbera e non quedara nada por facer non tería sentido que nos presentáramos ás eleccións.
—Despois de tres vitorias electorais, afronta esta campaña confiado?
—Para nada, ata o día 28 non hai nada gañado e como lle digo ao meu equipo non nos pode quedar o remordemento de non telo dado todo para conseguir o obxectivo. O PP vai gañar as eleccións, pero non nos vale o sobresaliente, queremos a matrícula de honra, porque sabemos que se non temos a maioría absoluta aínda que sexa por un único voto non imos gobernar. Temos que convencer aos veciños cos nosos proxectos, coa nosa cercanía e recoñecendo os erros cando os cometemos, así é como se gañan as eleccións.
—Pensa na retirada?
—Non, pero sei que a política non é para toda a vida, son momentos e ninguén é imprescindible, por sorte. Sempre digo que eu fago política para o día que non sexa alcalde: un alcalde ten que ser quen é, eu sigo sendo o mesmo, e cando deixe a alcaldía quero que a xente me siga falando coma sempre, que siga querendo tomar un café comigo, con Luis Oujo, e non porque sexa o mandatario de Porto do Son.
Recibe cada tarde en tu correo la newsletter Elecciones 28M con el adelanto en exclusiva de la encuesta de Sondaxe para La Voz y el resumen diario de la campaña en Galicia. Si todavía no eres suscriptor, suscríbete por solo 2€/mes.