Os candidatos de Lugo expuxeron en Radio Voz os seus modelos de xestión
ELECCIONES 28M

O debate serviu para que Elena Candia, Lara Méndez, Rubén Arroxo e Olga Louzao falasen das súas propostas
19 may 2023 . Actualizado a las 16:37 h.Radio Voz Lugo e La Voz de Galicia organizaron un debate cos catro candidatos das formacións que teñen representantes na corporación loca: Elena Candia, PP; Lara Méndez, PSOE; Rubén Arroxo, BNG, e Olga Louzao, Ciudadanos. O formato do debate, que moderou Félix Jorquera no programa Voces de Lugo, foi unha proposta de bloques temáticos, con intervencións dun minuto para cada candidato. Foron dez bloques.
1 CAL É O MODELO DE CIDADE QUE QUEREN?
—Elena Candia (PP): «Teño un modelo no que quero situar ás persoas no centro, tanto nas inversións como nos servizos, con propostas sociais e optimizando recursos e inversións útiles. Lugo merece un cambio e ofrezo a miña experiencia e formación. Quero converter ao Concello nunha Administración colaboradora».
—Lara Méndez (PSOE): «O noso modelo de cidade é apostar pola segunda transformación, onde se recuperen espazos para os cidadáns, e con políticas que busquen oportunidades laborais e atraer talento, con proxectos xa materializados. Para isto é necesario contar cun orzamento, con estabilidade e coa colaboración con outras Administracións, tendendo a man e sendo firmes para implicarse con Lugo. Nestes anos conseguimos 44,5 millóns de fondos europeos».
—Rubén Arroxo (BNG): «Desde o BNG temos tres puntos que son base. O primeiro é a comunicación, porque Lugo é das cidades máis illadas de España. Debemos reivindicar ás Administracións que completen as comunicacións. A segunda é a aposta polo espazo público e patrimonial. E o terceiro é unha política de medio ambiente, porque hai unha emerxencia climática, á que nos temos que adaptar».
—Olga Louzao (CS): «Lugo perdeu unha oportunidade histórica con eses máis de 40 millóns que en vez de resolver os problemas crónicos dos lucenses, foron para que o bigoberno competise entre eles, con improvisación, pechado á participación da cidade e á marxe da rúa. Impediu o desenvolvemento, con dous anos para dar unha licenza, cun auditorio pechado, co rural abandonado... Sabemos qué cidade hai que facer e qué pasos hai que dar».

2 QUE PROPOSTAS TEN PARA O CASCO HISTÓRICO?
—Candia: «O PP defende un equilibrio dos barrios, pero o centro é a plataforma que nos promociona. É necesaria a rehabilitación e por iso necesitamos un ARI e un Concello dinámico e colaborador para obter licencias e que non se perdan os recursos. E propoñemos a creación do consorcio do casco histórico, que permita un plan de dinamización, ao igual que outro para a Praza de Abastos».
—Méndez: «Pois buscamos a peonalización do centro para crear unha zona de baixas emisións, como marca a lei e como os programas europeos de sostibilidade. Todo o mundo agora se suma ao cambio climático pero cando levamos a cabo practicas, manifestan rexeito. É necesario mellorar en vivendas e infraestruturas, coa dinamización económica do casco histórico e dos residentes. Tendemos a man á Xunta para que dea solucións, porque ela ten os recursos para recuperar espazos de patrimonio. Nós facémolo cos nosos recursos, como, por exemplo, a unión peonil da Praza da Constitución ou a rehabilitación do Carme».
—Arroxo: «Temos un patrimonio espectacular, dos mellores do Estado. Temos que seguir apostando polo espazo público e que sexa un reclamo. Apostamos por facer as peonalizacións, pero a Xunta debería mirar pola Tinería, que a ten abandonada. Se damos un paseo pola Muralla o que vemos é unha auténtica ruína. Reivindicaremos que se rehabilite o barrio máis antigo, porque a Xunta leva 14 anos sen facelo».
—Louzao: «Lugo ten a sorte de contar con tres patrimonios da humanidade e quere acadar o cuarto, pero se non hai colaboración entre Administracións é imposible. Levamos anos pedindo un consorcio para que aporte recursos, porque sufrimos unha epidemia de peche de negocios. E logo seguimos pendentes da revisión do Pepri, necesario para o desenvolvemento. Non se pode mirar para outro lado, facer unha peonalización improvisada, sen contar coas persoas que viven e traballan aquí. É un erro que creará consecuencias negativas. Peonalizacións si, pero non improvisadas».
3 QUE SE FAI CO CARRIL BICI?
—Candia: «Cando alguén se equivoca debe rectificar. Fixo dano nos barrios, non se usa.., e non é por ser catastrofistas. Non se pode destinar fondos públicos para facer unha bici escola. O trazado debe se revisado e modificado, porque hai barrios onde afectou á súa economía, negocios con problemas de facturación e problemas de seguridade viaria. A mobilidade vén para quedarse, pero hai moitos espazos onde pode ir o carril bici».
—Méndez: «Temos que ir a cambios de hábitos saudables, e ir cara unha cidade sostible. Falar de sostibilidade e logo non facer nada real é incongruente. Cremos nas cidades que loitan contra o contra o cambio climático, como marcan as directrices da UE. O carril bici sei que tivo rexeite social, pero igual que o tiveron as peonalizacións. Parécemos que hai moita demagoxia, porque os fondos europeos son finalistas, e atacar isto ou ben é por descoñecemento ou coa intencionalidade de perturbar a paz social».
—Arroxo: «Nós sempre tivemos a mesma posición desde o 2015. Apostamos por un tráfico de convivencia de diferentes vehículos e por calmar o tráfico. Cando xa no 2015 defendía esta posición, o candidato do PP defendía un carril bici. Señora Candia, supoño que vostede non o sabe porque estaba en Mondoñedo».
—Louzao: «O descontento amósase cando un proxecto que en vez de crear oportunidades crea un problema. Porque non se trata só de pintar rúas verdes e vermellas e así crer que se cambian os hábitos. Temos claro que hai que revisalo porque anulou prazas de aparcamento, hai negocios que se viron afectados, e hai perigos para os usuarios. E deberíase potenciar o alugueiro de bicis e monopatíns».

4 A ROLDA LESTE?
—Candia: «Pedimos que a Xunta acabe coa Rolda Leste, que naceu do consenso de todas as forzas. Ana Pontón tamén a pedía. Creo que se fará no consenso, cunha proposta coa que a cidadanía estea de acordo, estudando con detalle as alegacións e a protección do Rato, un paseo que leva o nome e apelidos do PP e que, por certo, leva anos con pouco coidado».
—Méndez: «É a obra do PP en cada inicio de campaña desde o 2015 e supoño que pasadas as eleccións volverana a meter nun caixón. Cremos que é unha vía necesaria para acabar co cinto da cidade, para que ese tráfico saia das zonas urbanas, pero non a toda costa. Estamos defendendo unha cidade sostible, e que ten pedidos fondos europeos, non queremos que esta estrada deteriore o patrimonio natural. E a candidata do PP fala de consenso, e nós pedimos o proxecto á Xunta, para chegar a acordos, e non nolo entregou, e si presenta un proxecto de hai 20 años, obsoleto e que incumpre a normativa».
—Arroxo: «Aquí falamos de unir dúas glorietas para reducir un traxecto de tres minutos. Merece a pena ese tempo para destruír un quilómetros de carballeiras autóctonas do Rato? Preferimos conservar unha obra natural que calquera cidade mataría por ter. Creo que hai unanimidade para conservar o Rato».
—Louzao: «Non estamos a favor deste proxecto da Xunta, gardado durante 20 anos, para avalar unha candidatura que non coñece a realidade da cidade. Custa 20 millóns e non se pode cargar o patrimonio natural. Presentamos alegacións, porque hai alternativas e queremos que se revise o trazado».
5 QUE PLAN TEN PARA A ROLDA DA MURALLA E A AVENIDA DA CORUÑA?
—Candia: «Por alusións, faise crítica á miña persoa coa Xunta, cando nestas eleccións non se presenta, e cando se presenta aquí ten un amplo respaldo. Cada decisión de peonalización dunha vía faise con improvisación. Non parece mala idea unidireccional a avenida da Coruña e estamos dispostos a estudala, pero non de maneira illada e con absoluta falta de planificación, porque logo crea problemas, convertendo unha cidade menos cómoda».
—Méndez: «O Plan de Mobilidade xa recolle facer dunha dirección a avenida da Coruña. É un proxecto de medio e longo prazo. Para quitar tráfico, fixemos o desdobramento de Duquesa de Lugo. Fun á Xunta pedir e non tiven resposta, algo que si tiven da Deputación. Agora estamos coa segunda fase, que poderá absorber ese trafico que non vai directamente á avenida da Coruña que busca outros trazados. Na avenida da Coruña queremos facer un corredor verde, con zonas peonís anchas, para terrazas, comercio na rúa, e que sexa sostible, e humanizando a cidade».
—Arroxo: «Estamos de acordo coa unidireccionalidade da avenida da Coruña e buscamos a peonalización da parte norte da Ronda, desde San Fernando ata Bispo Odoario. Para iso, necesitamos alternativas de tráfico, como abrir a vía de conexión desde o Agro do Rolo ata a Ronda do Carme. É necesario para sacar o tráfico da zona norte, porque Camiño Real non pode absorber todo o trafico. E si, hai que ampliar as beirrarúas e dotar de zona verde á avenida da Coruña. E teño como obxectivo de futuro que a Ronda sexa toda peonil».
—Louzao: «No 2019 xa presentamos a proposta de facer unidireccional a avenida da Coruña, e para iso Infanta Elena tiña que ser máis áxil. Cremos que é un proxecto que afectará positivamente á Milagrosa. Se queremos ter unha cidade en equilibrio entre a zona norte e a sur, hai que traballar na mobilidade que beneficie á cidade».

6 QUE QUERE FACER CO NOVO AUDITORIO E QUE POLÍTICA CULTURAL OFRECE?
—Candia: «O que hai que facer é abrilo, porque está recepcionado. A falta de mantemento dun edificio pechado é normal que conte con danos, e canto máis tardemos en abrir, máis haberá. En canto á programación cultural cremos que é un reclamo económico, pero temos uns edificios que suspenden. Queremos unha programación ambiciosa e non só para uns poucos. Que non haxa que irse á Coruña».
—Méndez: «O que queremos é abrilo. Quixeron entregarnos en 2016 un edificio sen equipamento e custaba máis de 3 millóns. Accedemos á extorsión para poder financialo, e cando nolo entregan, no 2020, hai deficiencias. Non puidemos abrilo pola falta de seguridade e sen garantías. En canto á programación, queremos buscar acordos con outras Administracións para ter espectáculos que hoxe non podemos ter. E queremos que Lugo siga sendo referente co San Froilán, o Arde Lucus e o Caudal Fest».
—Arroxo: «Lugo é unha cidade que ten unha programación exemplar. Viñeron programadores que quedaron impresionados pola axenda de actos que ofrecemos, incluído as fines de semana e os meses de verán. Apostando polas entidades locais. En breve teremos un auditorio o que haberá que encher de cultura. O problema é que a Xunta entregou un edificio co parqué levantado. Agardemos telo canto antes con programación».
—Louzao: «O auditorio hai que abrilo á marxe doutras historias entre PP e PSOE e que prexudican aos lucenses. A cultura ten que ser para todos, non só dos que lle votan ao BNG. E que nos explique Arroxo por que a banda de música segue sen actuar, Lugo precisa dun xestor cultural que dinamice todos os espazos».
7 QUE SOLUCIÓNS TEN PARA A DEGRADACIÓN DO BARRIO DA MILAGROSA?
—Candia: «Non pode haber barrios de primeira e de segunda. A Milagrosa necesita intervención urxente, coa aprobación dun ARI, un plan de dinamización económica, para que o barrio estea habitado e reforzar a seguridade. Queremos crear unha oficina da Policía Local para atender aos afectados pola okupación. Prometeron desde o 2011 plan de rehabilitación integral. E fai falta un programa transversal con emprego e inclusión social».
—Méndez: «Estamos a traballar con proxectos para reverter un barrio que cos anos se deteriora. Négome como veciña a que se estigmatice un barrio, porque fai dano aos veciños, porque é onde eu merco, onde a miña filla vai ao cole... e non vale lanzar críticas cun fin electoral, para ter rédito político. Estamos promovendo un entorno residencial, coa fase de diagnóstico e logo buscaremos os fondos públicos e europeos. Por certo, a Xunta ten competencia en vivenda. E logo hai que potenciar a economía, o comercio e a hostalería. Defendemos un cambio lexislativo para actuar de maneira inmediata nunha okupación».
—Arroxo: «Como se recuperan os barrios? Xa o demostramos, cun plan de rehabilitación e cambiando os espazos públicos, como fixemos en Recatelo, onde se peonalizou, e agora estanse a rehabilitar as casas. E sobre a okupación, hai casos de persoas que non teñen forma de vivir e a Conselleira de Vivenda ten que actuar, porque é un dereito ter un teito onde durmir. E logo hai unha parte delictiva e de narcopisos onde ten que actuar a xustiza. As competencias son as que son».
—Louzao: «O que non se pode facer é non escoitar. Existe un problema e a solución non é facer chocolatadas na Milagrosa. Levan anos sen facer nada. É necesaria máis presenza policial, de noite e a pé. Non pidamos aos demais, miremos que podemos facer. O plan de vivendas acórdase agora porque hai moitos votos en xogo. Levamos anos falando, e vostedes en contra, e dixeron que eramos alarmistas. Ata que non fixeron unha manifestación diante da súa porta non fixeron nada e agora só porque hai eleccións».

8 QUE MODELO DE VIVENDA SOCIAL PROPÓN?
—Candia: «O programa social ten que ser integral e transversal, con servizos sociais do Concello desde o inicio ata o final. Necesitamos máis vivenda social, programas pilotos para mozos, parellas con fillos, e Evislusa di nos seus estatutos que pode construír vivendas, requilibrando os barrios e sen estigmatizar ningún».
—Méndez: «Preocúpame escoitar que teñamos que asumir competencias impropias, pero non veñen aparelladas de orzamento. Como o plan de saúde mental. A última gardería que se fixo en Lugo a pagou Amancio Ortega, igual que a residencia de maiores, a pesar de que a Xunta ten as competencias. Temos 1.300 inscritos que demandan unha vivenda social, pero están abandonados pola Xunta».
—Arroxo: «A ultima vivenda que fixo a Xunta foi no 2008, cunha conselleira do BNG, e tiña planificado novos bloques xunto As Termas. Chegou o PP á Xunta e cero vivendas. Agora que chega campaña queren levar un bloque ao barrio con máis densidade de poboación, o Castiñeiro. O que necesitan aí son dotacións e zonas verdes. Acordamos no pleno levalas xunto ás Termas, como se preveu no 2009. Pero claro, logo falamos de okupación, pero non atallamos o problema base».
—Louzao: «Espero que non se moleste a señora Candia. Desde o 2008 non fixeron nada en vivenda pública, e no Castiñeiro, hai xa unha concentración que é unha barbaridade. Hai que esixir á Xunta que se acorde de Lugo e invista. Queremos que se amplíen axudas ao aluguer para que os que os mozos se podan independizar ou un plan que una estudantes con xente que está soa».

9 QUE SERVIZOS PROPÓN PARA A ZONA RURAL?
—Candia: «O rural é espazo de oportunidades, con xente que aposta por sacar empresas, pero estiveron esquecidos polo bigoberno. Non destinaron nin o 2 % do orzamento, e carecen de servizos básicos de auga, saneamento, pistas deficientes, sen plan de incendios, sen fibra óptica...».
—Méndez: «Investimos 8 millóns, con case 1.000 quilómetros de vías que manter. Pedimos colaboracións e nos din que non, cando o señor Rueda se comprometeu a financiar obras cun 70-30. Para facer pouco menos dun quilómetro de saneamento fan falta tres millóns. En oito anos, Lugo entregou 11 millóns do canon e cero euros de inversións».
—Arroxo: «Vivín 15 anos nunha parroquia e sei os problemas. Non chegan servizos e vese lonxe o centro. Queremos crear un servizo de taxi á demanda para a zona rural, con prezo de bus. E difícil a nivel administrativo, pero o teremos para o vindeiro ano».
—Louzao: «As parroquias lucense levan anos demandando o saneamento e abastecemento. Hai que marcar prioridades e ver por onde hai que comezar. E esixir recursos a todas as Administracións.
10 PETICIÓN DE VOTO
—Candia: «Lugo merece cambio, e eu ofrezo un pacto cos lucenses, que sexa unha realidade, con mais servizos e unha administración colaboradora. Que un veciño entre cun problema e reciban unha solución. Non despilfarrar en proxectos que non teñen utilidade e se centre na xente. Asumimos o compromiso dun Lugo para todos, con dialogo e consenso e apartando a confrontación, con traballo eficiente e visión útil da política para mellorar a vida da xente».
—Méndez: «A segunda gran transformación que vive Lugo é imparable, e se non seguimos, pode parar. O visualizamos nestes oitos anos, con prestixio internacional, con oportunidades laborais para a cidade, que ninguén se vexa expulsado da cidade e para ter ingresos e facer esa redistribución e fomentar a zona urbana e rural e sen deixar a ninguén atrás».
—Arroxo: «Onde gobernamos, somos referentes internacionais e transformamos os espazos. Lugo puido ver como goberna o BNG, co 95 % do noso programa executado. Durante catro anos daremos un paso adiante».
—Louzao: «Lugo non pode seguir sendo o vagón de cola, os prexudicados do PSOE, PP e BNG. Hai que poñer en valor o que temos, ofrecendo unha cidade cómoda e segura, que dea solucións e que non supoña un calvario burocrático».