Amparo Cerecedo: «O BNG é a garantía do cambio que A Pobra necesita»

Marta Gómez Regenjo
M. Gómez RIBEIRA / LA VOZ

ELECCIONES 28M

CEDIDA

A nacionalista preséntase co aval do traballo realizado dentro do goberno

19 may 2023 . Actualizado a las 08:57 h.

Ante a disxuntiva dunha maioría que parece lonxe do alcance do BNG da Pobra, a súa candidata, Amparo Cerecedo, é rotunda: «Todos partimos nas mesmas condicións e terá que falar a veciñanza. Nós temos que demostrar o noso traballo e presentar a nosa candidatura, que é a que máis se renovou, e logo a cidadanía terá que falar e xa se verá. Pode pasar de todo».

—Que idea saca dos días que van de campaña electoral?

—Todo o mundo nos fala de cambio e hai unha cousa clara: o BNG na alcaldía é a garantía do cambio que precisa A Pobra e que demandan os veciños. Nestes dous anos que estivemos no goberno local, nas nosas áreas fomos quen de poñer en marcha programas pioneiros, e ese traballo tamén nos avala.

—En liñas xerais, cales son as grandes propostas do seu programa?

—Dividímolo en cinco grandes apartados. Unha cuestión vital é a recuperación de poboación, e para iso é importantísimo facer políticas de vivenda, hai centos de casas baleiras e hai que poñelas en circulación. Isto entronca coa revisión do urbanismo no noso concello. Hai que revisar o PXOM porque non é o adecuado para o que precisa a veciñanza nin para o proxecto de vila que nós temos, que é un pobo sostible e accesible. Outro aspecto fundamental é a recuperación dos servizos públicos, teñen que estar xestionados directamente polo Concello. Xa demostramos que se pode facer coa municipalización da axuda no fogar, e os próximos anos van ser fundamentais nese sentido porque finalizan varios contratos, como o do abastecemento de auga. Unha xestión pública é máis sostible, desde o punto de vista económico e tamén ecolóxico.

—Que outros apartados consideran prioritarios?

—A recuperación económica, con especial atención á hostalería e o comercio, que son sectores vitais que están esmorecendo e ningún goberno de ningún partido foi quen de poñer en marcha medidas para revitalizalos. Nós si, levamos un programa específico con propostas concretas para favorecer a súa actividade. E logo tamén é básico o mantemento e atención tanto das zonas do rural, para o que imos crear unha concellería específica, como a humanización de rúas e espazos da vila para facer máis verde A Pobra.

Recibe cada tarde en tu correo la newsletter Elecciones 28M con el adelanto en exclusiva de la encuesta de Sondaxe para La Voz y el resumen diario de la campaña en Galicia. Si todavía no eres suscriptor, suscríbete por solo 2€/mes.