Juan Manuel Saborido: «Nun só mandato non se pode mudar unha realidade de 40 anos en Carnota»

ELECCIONES 28M

O socialista aspira a revalidar a alcaldía para dar continuidade ás políticas desenvolvidas polo goberno local dende o 2019
19 may 2023 . Actualizado a las 05:05 h.Juan Manuel Saborido, candidato do PSOE de Carnota e aspirante á reelección como alcalde do municipio, ten clara a liña que debe seguir o futuro goberno local, que el espera encabezar de novo para dar continuidade ás políticas desenvolvidas no mandato que está a piques de finalizar.
—Como resumiría o programa electoral do PSOE?
—Nós temos proxectos realistas para Carnota, agora non necesitamos gaiases nin grandes obras para o recordo. Temos que seguir avanzando nas políticas que viñemos desenvolvendo ata o de agora.
—Cales son esas políticas?
—Principalmente as políticas sociais. En só seis meses desde que chegamos conseguimos darlle a volta aos servizos sociais e temos que seguir nesa liña, con máis prestacións para os maiores, máis políticas de conciliación e servizos a actividades para a rapazada.
—Hai algún proxecto concreto neste eido?
—É moito aventurar falar de proxectos moi concretos porque non sempre dependen do Concello nin da vontade que teñamos para levalos a cabo, pero si temos algún, como adherirnos ao programa piloto do novo modelo de residencias da terceira idade que vén de poñer en marcha a Deputación da Coruña.
—Que outros ámbitos destacan no seu programa?
—A loita contra o lume é outro piar fundamental e queremos renovar o convenio con Medio Rural para o mantemento das franxas de protección. Tamén afondaremos no emprego adheríndonos aos diferentes plans da Deputación para a contratación de brigadas de obras e limpeza de praias, por exemplo. Este tipo de programas dan bos resultados e permiten crear entre 20 e 30 postos de traballo. E tamén en colaboración co goberno provincial, a través dos plans de obras, seguiremos avanzando no saneamento e abastecemento de auga. Iso é o que realmente lle preocupa á veciñanza, xa se fixo moito, pero queda aínda moito máis.
—Polo que di, a colaboración con outras Administracións é crucial para un Concello como o de Carnota.
—Cremos que o diálogo e a cordialidade con outras Administracións é moi importante para Carnota e ata o de agora non había esa relación. E tamén o é a colaboración con todo tipo de entidades e asociacións do noso concello, e coas empresas, coas grandes, coas que temos unha relación moi estreita, e tamén coas pequenas. Por exemplo, o turismo é a ferramenta máis potente que temos para xerar emprego e asentar poboación e temos que favorecer un turismo sostible no noso concello.
—Que lle está a transmitir a veciñanza nestes días de campaña? Cre que valora o traballo feito?
—A lectura que eu saco é que a xente valora o esforzo que fixemos e é consciente das enormes dificultades que tivemos para sacar cousas adiante, e aínda así fixemos o que puidemos. Nun só mandato non se pode cambiar unha realidade de 40 anos.
Recibe cada tarde en tu correo la newsletter Elecciones 28M con el adelanto en exclusiva de la encuesta de Sondaxe para La Voz y el resumen diario de la campaña en Galicia. Si todavía no eres suscriptor, suscríbete por solo 2€/mes.