Antonio García: «O principal é facer funcionar o Concello de Boiro»

Marta Gómez Regenjo
M. Gómez RIBEIRA / LA VOZ

ELECCIONES 28M

CEDIDA

Recoñece que é unha responsabilidade grande coller o relevo de Manuel Velo

20 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Ten moi claro o primeiro que hai que facer se consegue a alcaldía de Boiro, pero a candidatura de ICB, á fronte da que se sitúa Antonio García tralo paso atrás de Manuel Velo, ten tamén algún as na manga en forma de grandes proxectos que pretenden ser un revulsivo para Boiro.

—Cales cre que son as prioridades para Boiro neste momento?

—O principal é facer funcionar o Concello, que está atascado, non se atende á xente, non se contesta aos escritos ou tardan meses en facelo e iso non pode ser.

—E despois? Que propostas levan no programa?

—Unha cuestión fundamental é conseguir a residencia de maiores para Boiro, é denigrante que non teñamos ese servizo. Outro aspecto esencial é facer a variante entre O Saltiño e Berres, e no eido da saúde propoñemos a reforma do centro de saúde e dotalo de salas de raios para que non haxa que ir ao hospital. Tamén hai que facer forza para que se mellore o servizo de pediatría. En medio ambiente, aumentar a frecuencia da recollida do lixo, ter as praias limpas todo o ano e acondicionar o paseo marítimo de Carragueiros. Outras propostas que temos moi importantes son facer un parque acuático inclusivo na zona da Cachada e a construción dun circuíto de velocidade. E por suposto, a ampliación do polígono.

—Vostede colle o relevo dun histórico como é Manuel Velo, é un reto?

—É un reto e unha responsabilidade moi grande. Pero telo a el detrás asesorándome e facendo a campaña é importantísimo. Creo que facer hoxe todo o que fixo Velo sería inviable, ten un legado inmenso. Nós dariámonos por satisfeitos se fóramos capaces de poñer a funcionar o Concello, de traer a residencia e de abrir a estrada de Berres, iso xa sería un bo legado.

—Que espera da cita coas urnas do día 28?

—Xa se verá, estaría ben que sacáramos a maioría absoluta, pero a cousa está complicada para todos. Non creo que haxa ningunha maioría absoluta, os políticos estamos obrigados a entendernos, a falar, a negociar e a chegar a acordos, para iso nos pon a xente onde nos pon. Creo que no 2019 o PSOE equivocouse pensando que podía gobernar con cinco e levou ao Concello a catro anos de parálise total.

Recibe cada tarde en tu correo la newsletter Elecciones 28M con el adelanto en exclusiva de la encuesta de Sondaxe para La Voz y el resumen diario de la campaña en Galicia. Si todavía no eres suscriptor, suscríbete por solo 2€/mes.