O BNG defende en Rianxo a súa aposta por traballar a nivel internacional desde Galicia

Francisco Brea
F. Brea RIBEIRA / LA VOZ

ELECCIONES 28M

Alfredo Olmedo e Charo Froján mostráronlle a sede da empresa a Pontón e Ordóñez.
Alfredo Olmedo e Charo Froján mostráronlle a sede da empresa a Pontón e Ordóñez. MARCOS CREO

Ana Pontón visitou a sede da firma D-Due na parroquia rianxeira de Asados, onde crean as prendas que se venden por todo o mundo

23 may 2023 . Actualizado a las 20:31 h.

«Estamos en Rianxo, nunha empresa emblemática que é un símbolo da capacidade do noso país, onde se traballa para o resto do mundo». Así defendeu a líder do BNG, Ana Pontón, a aposta da formación nacionalista polas firmas galegas con capacidade de internacionalización. Para iso visitou xunto co candidato do partido no municipio, Xusto Ordóñez, a sede da empresa textil D-Due, na parroquia de Asados. É un bo exemplo, xa que a compañía exporta un 70 % da súa produción, con moita presencia en Xapón e diferentes lugares de Asia.

Así, no berce do nacionalismo, na terra de Castelao, a portavoz nacional do Bloque destacou que en materia economica «este mandato foi o de maior impulso en Rianxo, cunha clara aposta pola instalación de empresas que asegura que nos próximos anos sexa un dos concellos máis punteiros da comarca. Apostamos polo local, por crear industria e emprego». E por iso tamén escolleu D-Due para lanzar a mensaxe, xa que, como apuntou a deseñadora Charo Froján, poñen «en valor o que temos ao redor».

Falando en eido local, Ana Pontón non ten dúbidas de que o BNG e Xusto Ordóñez son a mellor opción para Rianxo: «Fago un chamamento para que a veciñanza colla a papeleta do BNG para seguir ofrecendo un futuro mellor e avanzando, e non tirar atrás o feito en 12 anos».

Emprego feminino

Pola súa banda, Xusto Ordóñez recalcou a importancia de D-Due na comarca pola cantidade de postos de traballo que xera, «maioritariamente femininos». Tamén que apostando polo produto local teña unha proxección internacional. Neste sentido, puxo en valor o traballo feito polo BNG no polígono de Rianxo, que tras melloralo xa ten esgotado o chan industrial dispoñible.

«Desde a alcaldía falouse con grandes empresas de alimentación que van traer 800 postos de traballo, a maioría femininos», afirmou o candidato nacionalista. O BNG quere implantar unha gardería para favorecer a conciliación laboral e familiar e «continuar ampliando a oferta de empregos para a veciñanza».