Julián Bustelo: «O noso programa atende as necesidades reais de Rianxo»

Marta Gómez Regenjo
M. Gómez RIBEIRA / LA VOZ

ELECCIONES 28M

CARMELA QUEIJEIRO

O rianxeiro considera que as prioridades agora non pasan por facer grandes obras

24 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Despois de catro anos na oposición, o candidato de Rianxo en Común (ReC), Julián Bustelo, ten unha idea definida de por onde cre que deben ir as políticas municipais a partir do 28M.

—Que plantexamento fan no seu programa electoral?

—O que nos diferenza dos grandes partidos é que o noso programa facémolo nós, co que nós mesmos imos vendo e sobre todo coas achegas que nos fan os veciños en reunións que viñemos mantendo de forma regular nos últimos meses. O resultado é un programa que atende de forma moi específica as necesidades reais da veciñanza.

—E cales son?

—Para empezar garantir o coidado e mantemento de todos os núcleos e tamén de espazos e edificios de uso veciñal que hai nas parroquias, e falo tamén de conservalos en canto aos usos que teñen e enchelos de contidos. Tamén espazos para os pequenos, na maioría das aldeas xa non hai parques infantís. Outra cuestión fundamental é o chan industrial. Nós defendemos un novo polígono nun emprazamento distinto, porque a ampliación que está prevista no Montegrande é insuficiente. E é necesario maior diálogo cos comerciantes, máis implicación por parte do Concello para dinamizar este sector, axilizar a concesión de licenzas de apertura e crear unha bolsa de baixos que están desocupados para xestionar o alugueiro.

—Non cre que os votantes botarán en falta algún anuncio dun gran proxecto?

—En catro anos haberá ocasión de facer algunha obra grande, pero ese non pode ser o núcleo da acción do goberno porque son tantas e tan evidentes as necesidades que hai que non ten sentido poñer outras cousas enriba da mesa, hai que ir ao prioritario.

—Que resposta están atopando na xente durante a campaña?

—Percibimos unha onda favorable, a xente coñécenos, vén a escoitarnos, temos ilusión.