Luís Pérez Barral: «Uns poucos votos poden decantar a balanza para o cambio en Ribeira»
ELECCIONES 28M
Nuns comicios moi apertados, o cabeza de lista do BNG confía en que haberá relevo na alcaldía
25 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Luís Pérez Barral recoñece que a verdadeira enquisa é a do domingo e que pouco importa o que digan as previas. Porén, está convencido de que en Ribeira haberá un cambio e que estará liderado polo BNG que el encabeza.
—Está a ser unha campaña moi intensa?
—Si, estamos a vivila con moita intensidade, e a xente está transmitíndonos moita enerxía e ilusión, hai moitas confianzas depositadas en nós para o cambio en positivo que precisa Ribeira. Iso dános moitísima tranquilidade para asumir o reto que supón encabezar o goberno local.
—Está convencido de que haberá cambio?
—O escenario está moi aberto, uns poucos votos poden decantar a balanza para que haxa un cambio en positivo ou para que non sexa así. Pero estamos convencidos de que a xente vai apostar por un cambio como o que propoñemos nós, a xente sabe como traballamos e todo o que conseguimos nestes anos: os bonos para o comercio, a residencia de maiores, a sede do club de remo, a municipalización do aparcamento do Centenario... foron propostas nosas. Se logramos iso desde a oposición, desde o goberno conseguiremos moitísimo máis.
—Iso é o que trasladan aos veciños estes días?
—Imos porta a porta, gústanos a ti a ti, non só para dar información, senón tamén para recoller as propostas dos veciños.
—Compensa o esforzo de ir casa por casa levando a súa mensaxe?
—A xente agradéceo. O resultado está moi axustado e iso pode ser o que marque a diferenza.
—Que propostas constitúen o armazón do proxecto do BNG?
—Hai cinco ideas forza sobre as que se vai desenvolver todo o programa. A primeira, unha Ribeira que medre, e para iso é imprescindible materializar o polígono industrial, dinamizar as rúas e mellorar o porto. Tamén queremos unha Ribeira ben coidada, e fronte ao dispendio e o cemento deste goberno a nosa prioridade vai ser manter as infraestruturas e espazos que hai. O terceiro eixo é o benestar, promoveremos a creación e puntos de atención á infancia para favorecer a conciliación. Outra idea é a dunha Ribeira verde, e por último, queremos poñer as parroquias no centro, impulsando a cogobernanza das parroquias con ferramentas como os orzamentos participativos.