Mellorar a educación

María López Sández
María López Sández LA FIRMA INVITADA

ELECCIONES GALLEGAS 18F

Un examen de selectividad en una imagen de archivo
Un examen de selectividad en una imagen de archivo Sandra Alonso

03 feb 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A educación universal foi un soño ilustrado, unha arela que se enmarcou no pulo utópico do Século das Luces e que segue vixente na actualidade. Desde que esta idea se concibiu ata que se logrou consolidar unha rede escolar que alcanzase verdadeiramente o conxunto da poboación transcorreron, en Galicia, case dous séculos. Na Facultade de Ciencias da Educación acollemos estes días a exposición Luces de Alén Mar, ideada por Vicente Peña e impulsada polo Consello da Cultura Galega, na que se recoñece o papel xogado pola emigración en todo este proceso. Os que se acheguen poderán comprobar que os nosos emigrados sabían do valor da educación e fixeron seu o seu legado.

Hoxe, para moitos rapaces e rapazas, o soño trocouse nun pesadelo. O que os seus pais ou avós viviron aínda coma un privilexio recíbeno coma unha obriga, que acaba facendo que se sintan xulgados, clasificados e constrinxidos dentro dun sistema que non controlan. Se a educación era, hai anos, un xeito de progreso social, mesmo unha porta de saída da pobreza; e se había, ademais, unha valoración do saber en si mesmo, agora só se conserva, con certo escepticismo posmoderno, a primeira das ideas, coa presión engadida das notas de corte e da incerteza da saída laboral.

Cando falamos de mellorarmos o sistema educativo facémolo, en grande medida, en termos instrumentalizados: pola presión dos informes PISA ou outras clasificacións internacionais. Mais, en calquera caso, hai outros factores que sabemos que inciden claramente na calidade da educación: ratios razoables, docentes que poidan canalizaren as enerxías cara á docencia e non cara á burocracia, unha actitude social global de apoio que actúe en sinerxía e colaboración coa aprendizaxe. No que atinxe ás ratios, por exemplo, nun escenario de liberación de man de obra de tarefas rutineiras pola robotización e a intelixencia artificial, cómpre enfocarmos os esforzos cara a alí onde son máis precisos: o coidado e a educación das persoas, o insubstituíble contacto humano.

Máis cómpre non esquecermos, neste contexto de cambios desexables, o que está ben e funciona: Galicia ten un dos sistemas educativos de maior equidade, no que o índice socioeconómico das familias correlaciona en menor medida co rendemento. Teño, para min, que isto aínda debe moito aos valores do noso medio rural, onde eu mesma exercín a docencia 24 anos: nestes contextos de índice socioeconómico medio-baixo aínda pervive a valoración polo saber e acádanse niveis de excelencia moi elevados. Oxalá que, co proceso de sangría do rural, non perdamos tamén iso. Termarmos do soño ilustrado que compartiron os nosos emigrantes implica un compromiso coa educación pública e universal, unha aposta que respecte a estrutura poboacional galega e manteña as escolas preto do hábitat dos nenos e nenas, con ratios razoables e alumnado e profesorado no que prime a ilusión e non o medo ou o cansazo.