A vivenda, sen discusións

Luciano Alfaya FIRMA INVITADA

ELECCIONES GALLEGAS 18F

Viviendas rehabilitadas en el barrio lucense de A Tinería
Viviendas rehabilitadas en el barrio lucense de A Tinería ALBERTO LÓPEZ

04 feb 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

En tempos de confrontación política, cómpre que o dereito á vivenda se vexa tan evidente que quede á marxe do debate. Isto non implica que non existan diferentes xeitos de abordar a cuestión. Case todos eles poderían dar resultados. Pero na procura da mellor solución foron pasando os anos sen que as Administracións tivesen actuacións suficientes para anticiparse á crise de vivenda que padecemos.

Hai dúas premisas esenciais para abordar o problema: a planificación a medio prazo e asumir que cada cidade, cada pobo, cada territorio require unha resposta singular. Sobre esta base debe comezar a trazarse unha resposta de consenso, un pacto pola vivenda, que fuxa dos grandes titulares e que teña fitos medibles (e plausibles) cada ano.

No que se refire á planificación a medio prazo, resulta necesaria, posto que calquera estratexia sobre o tecido urbano precisa tempo. Xa sexa para desenvolver novos solos para vivenda pública, para adquirir vivenda non ocupada (baleira ou en ruína), para rehabilitar contornas históricos ou para transformar usos, é necesario un período de exposición, de alegacións, de desenvolvemento e de execución. O que fagamos hoxe empezará a dar resultados en seis ou oito anos.

En canto á necesidade de respostas especificas, resulta evidente que a situación de Ferrol, O Grove, Lugo ou O Carballiño é diferente. Tanto nas necesidades como nas capacidades para incorporar nova vivenda. Nun lugar podemos ter que incorporar vivendas baleiras ao mercado; noutro caso pode que o único que necesitemos é un regulamento; nun terceiro caso, que sexa necesario facer unha oferta para a adquisición de vivendas e rehabilitalas ou que a mellor solución se atope en construír nova vivenda pública. Todas as solucións poden convivir, por iso ten que estar claro que é o que interesa facer en cada caso.

Estas premisas deben compartir un obxectivo: a redución da pegada ecolóxica. Para iso as axudas para a rehabilitación, que seguirán nos vindeiros anos, son unha oportunidade para transformar o tecido construído. A imposibilidade de alugar ou vender vivendas non eficientes a partir de 2030 ten que obrigarnos a actuar canto antes, evitando que o problema aínda sexa máis grave no futuro.

Por todo o anterior, a cuestión da vivenda só é posible resolvela dende o urbanismo. Os que teñen responsabilidades políticas nas distintas Administracións deben anticiparse ás problemáticas, traballar por resultados concretos e evitar discusións que non contribúen a garantir o dereito á vivenda, afectando, sobre todo, á poboación máis vulnerable.