Rosana Pérez: «As circunstancias fannos pensar que pode haber un cambio na Xunta»

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez RIBEIRA / LA VOZ

ELECCIONES GALLEGAS 18F

MARCOS CREO

A deputada pobrense recoñece que as expectativas do BNG de cara ao 18F son altas

10 feb 2024 . Actualizado a las 19:55 h.

Rosana Pérez ten una ampla experiencia política, tanto a nivel municipal na Pobra como provincial e autonómico. Esa veteranía lévaa a falar con mesura e prudencia do escenario electoral, a pesar das expectativas xeradas arredor das opcións do BNG para asaltar a Xunta o 18F. Despois de catro anos como deputada, recoñece que non é a mesma que chegou ao Parlamento no 2020 e repite candidatura ao Hórreo como número 3 de Ana Pontón poñendo en valor o traballo desenvolvido neste tempo.

—Está o electorado nacionalista mobilizado para lograr o obxectivo da Xunta?

—Eu o que percibo é que a xente ten moita receptividade a ir aos actos do BNG, de aí a que haxa a mobilización que se necesita para un cambio, pero coido que falta aínda un cachiño. O que si vexo é un maior achegamento da xente a nós e imaxino, ou polo menos agardo, que a mobilización vaia a máis conforme se aproxime o día das eleccións.

—Nos actos electorais falan de que nunca tiveron tan preto a presidencia da Xunta, é difícil manter un equilibrio nas mensaxes para non deixarse levar polo triunfalismo?

—No BNG sufrimos nos últimos procesos electorais os efectos de deixarse levar polas enquisas, e aínda que poden palpar certas tendencias, cometen erros, así que hai que ter coidado con iso. Hai que ter moita responsabilidade e nós aprendémolo de primeira man. Nesta ocasión non temos unha actitude de desánimo porque non o hai, porque percibimos o achegamento da xente, e as circunstancias en xeral fannos pensar que efectivamente pode haber un cambio. Pero insisto, isto hai que tomalo con prudencia e moita responsabilidade.

—Hai quen fala de que se percibe certo nerviosismo no PP, está de acordo?

—É certo que esa palabra estámola vendo, pero eu o que vexo no PP é desnorte, creo que a que están facendo é unha das peores campañas que teño visto. Tratan de introducir temas totalmente alleos ás preocupacións dos galegos e non o están conseguindo, e nas redes vexo que están facendo unha campaña errática. E, sobre todo, non se están centrando nos problemas dos galegos nin facendo propostas en positivo para a xente.

—Cales son os asuntos sobre os que pivota a campaña do BNG no que respecta á comarca?

—Hai asuntos que afectan directamente á comarca, pero que a transcenden, como todo o que ten que ver cos servizos públicos, incluído o que está pasando co transporte, que é moi sangrante. Xa a nivel máis concreto, Barbanza é unha zona economicamente moi dinámica, ten moitísima industria e as empresas necesitan espazo para medrar. Neste momento, en Arousa norte non hai un só metro cadrado de chan dispoñible e non se pode esperar a ter todo cheo para empezar a traballar na creación de solo industrial. A Xunta debería ter unha planificación, non se trata de facer polígonos ao chou, pero a Xunta sabe onde se moven as empresas e debería prever as necesidades e empezar a promover novos parques con anticipación. A falta de espazo está cortando a expansión das industrias e a creación de emprego, e ten que ser unha prioridade.

—Un tema recorrente está a ser a situación do sector do mar, un ámbito que vostede coñece ben.

—Nestes catro anos como deputada responsable de mar aprendín moitísimo, dende logo nese aspecto non teño nada que ver coa deputada que era hai catro anos. Realmente é un dos problemas máis importantes que temos neste momento, e non é algo puntual, van moitos anos de descoido de todo, de funcionar por inercia, e agora a Xunta trata de responsabilizar a todo o mundo menos asumir a súas responsabilidades. O sector leva anos denunciando a alarmante caída da produtividade das rías, a situación era xa moi complicada e coas chuvias deste outono acabouse de agravar e a xente está reaccionando. Nos últimos anos vía un sector do mar moi resignado e realmente agora vexo cambios, hai unha reacción.

«Efecto Pontón? Non vou negar que o liderado de Ana xoga ao noso favor»

A prudencia á hora de valorar o escenario político e a conciencia do colectivo por riba do individual son dúas cuestións moi presentes no discurso de Pérez.

—Falaba de que as circunstancias fan pensar en que pode haber un cambio na Xunta, que factores ou que argumentos hai hoxe que non houbo antes para favorecer iso?

—É unha suma de cuestións que ademais veñen acumulándose dende hai moito tempo. Por un lado hai mensaxes e políticas que se levan repetindo durante anos e que se demostrou que son mentira. Un exemplo é o da sanidade. Poden dicir que a situación non é tan mala como dicimos nós, pero todo o mundo o vive, todo o mundo ve que está moito peor. O mesmo pasa coa dependencia, ou co horriblemente mal que funciona o transporte público por estrada, que é algo imposible de ocultar. Hai cuestións que todos vivimos todos os días e que nos están dicindo que son problemas puntuais cando non é certo, e hai malestar por iso. A xente non tolera que lle mintan ante situacións que están vivindo e sufrindo. Por outra banda está todo o traballo que fixemos en todos estes anos, que foi moitísimo. E logo temos unha candidata que está empatizando moito coa xente.

—Existe o efecto Pontón?

—Nunca crin moito niso, sempre pensei que o avance dos proxectos é colectivo, hai que achegar moitas mans e moitos brazos para que as cousas vaian ben. Pero claro, cando un proxecto ten á fronte a unha persoa que empatiza moito coa xente é unha vantaxe grande. Non vou negar que o liderado de Ana xoga moito ao noso favor.

—Pode prexudicarlles a división do voto de esquerda?

—Non estaría ben dicir que era mellor que non se presentaran outras opcións, en absoluto. Evidentemente todas as forzas teñen dereito a presentarse. Pero a xente tamén ten dereito a saber que para facilitar ese cambio que buscamos é moi importante que se concentre o voto. Agora mesmo, tal e como están os números, o relevo na Xunta facilitaríase concentrando o voto en nós, que somos a forza mellor posicionada. Se realmente queremos un cambio, é o momento de ter altura de miras.