Yolanda Díaz: «Se Galicia vota igual que nas xerais de xullo, haberá cambio na Xunta»
ESPAÑA
Entrevista A vicepresidenta segunda do Goberno e ministra de Traballo avanza que este mes celebrará a asemblea constituínte de Sumar cun proxecto político «para dez anos». «Teño grandes diferenzas co PSOE, sei que me custará moitísimo sacar cada norma», admite
06 ene 2024 . Actualizado a las 23:13 h.Cumpre este xaneiro Yolanda Díaz (Fene, 1971) o seu cuarto ano á fronte da política laboral en España: primeiro, con Podemos, e agora, co seu novo proxecto, Sumar, que este mesmo mes, adianta, celebrará a súa asemblea constituínte. Díaz presume desa nova criatura e dun Ministerio de Traballo dende o que, di, está a transformar o país —cita a baixada do paro, a suba do salario mínimo, a lei para os riders, os ERTE na pandemia...—, pese as reticencias que, insiste, atopa no socio maioritario da coalición: o PSOE.
—Está pendente unha nova suba do salario mínimo, o estatuto dos bolseiros, a redución da xornada laboral... Será máis doado sacar adiante todo iso agora que saíu Nadia Calviño do Consello de Ministros?
—Non. Temos grandes diferenzas, no senso económico e tamén social, co PSOE. Humildemente, creo que boa parte do resultado que obtivemos nas eleccións de xullo foi polo que fixemos no Ministerio de Traballo. Por exemplo, o estatuto das prácticas laborais que figura no acordo de goberno foi parado polo Partido Socialista. Nós estamos para mellorar a vida da xente, iso é Sumar. Volvendo á súa pregunta, sei perfectamente que nos vai custar moito sacar adiante cada norma que presentemos o meu equipo mais eu, a pesar de que figuren no acordo de goberno co PSOE. Coa reforma laboral estivemos a piques de romper, e iso que estaba tamén no pacto… Imaxine.
—E, despois, ten diante un Congreso dos Deputados no que hai socios seus [PNV ou Junts] que son de dereitas, conservadores no eido económico.
—É conservador subir o salario mínimo?
—Digo que non son partidos progresistas na parte económica.
—Hai países que rebaixan a xornada laboral e non son progresistas. Nestes temas, as forzas políticas deberían deixar de facer partidismo, como fixeron coa reforma laboral. Cantas forzas políticas, tamén galegas, votaron en contra da reforma laboral? Non só foi o PPdeG. Outras forzas galegas progresistas votaron en contra.
—Pode citar ese partido…
—É coñecido. Por exemplo, ese mesmo partido progresista galego non acompañou nos ERTE na pandemia, cando beneficiaba ao 95 % do tecido produtivo galego. Iso non é boa política, é partidismo. Non sei por que o PP ou outras forzas conservadoras non poden ser modernas e dicir que queren unha sociedade na que a xente viva mellor.
—Vai volver a xubilación aos 65 anos? É outra diferenza co PSOE.
—Somos moi claros en Sumar: non imos acompañar ningún alongamento da vida laboral. Unha limpadora, un traballador da construción, a xente da agricultura, as mariscadoras… non poden ter un retiro aos 67 anos, nin aos 65. Temos diferenzas fortes co PSOE, non compartimos que se alongue a idade de xubilación, e o PSOE non quere nin facer distinción por profesións, algo que cremos que ten que ser inmediato.
—Agora, sen ministras de Podemos, sente que ten máis peso no Consello de Ministros?
—Non, eu só me movo por conviccións e só me debo á xente. Sábeo o presidente do Goberno. O resto de cousas non me interesan nada. Mire, ao inicio da anterior lexislatura, o presidente e o vicepresidente anterior [Pablo Iglesias] dixéronme que non se ía subir o salario mínimo; eu díxenlles que si, e mire o que pasou. Para isto está Sumar.
—E para Sumar son as eleccións galegas a primeira reválida despois das xerais?
—En realidade, a primeira parada será este mes. Imos lanzar o proceso de democratización de Sumar, podo anuncialo xa nesta entrevista. Sumar é agora un movemento cidadán que se fixo dende abaixo, con 35 grupos de traballo que levantaron un proxecto de país para a próxima década. Agora hai máis desafección pública que no 2015. Nestes días lanzamos a convocatoria da asemblea cidadá, coa elaboración da tese política e cultural, cun proxecto español e internacional, e tamén a tese organizativa de Sumar, cos seus órganos directivos.
—Pasan a ser un partido máis...
—Non, ao revés. Sumar non é un partido, será un movemento democrático e cidadán. Os partidos son moi importantes, pero non chegan no momento actual. O protagonismo é cidadán. E non vai só de gañar as eleccións. De feito, en xullo gañamos as eleccións. Pero nós falamos de gañar o país, de cambios, de transformacións.
—Nos seus últimos vinte anos pasou por Esquerda Unida, o Partido Comunista, Alternativa Galega de Esquerda, Unidas Podemos, Galicia en Común... Ata Sumar. É esta a marca definitiva, na que se sente máis cómoda?
—Si. Veño dunha cultura, dende o meu pai, na que moitísima xente me demostrou que a política e os partidos son unha ferramenta que está á disposición da xente. Por tanto, o fetichismo das marcas non contribúe ao ben común. A xente que no franquismo estaba na chamada oficina vermella de Astano [actual Navantia] en Fene, conta o meu pai, non dicía que era do PC [Partido Comunista]. Eles dicían que tiñan que ser os mellores traballadores para ser referencias, e de xeito natural serían dirixentes. Pero non facían do fetichismo das siglas un fin en si mesmo. Xa o demostrei con AGE.
—Un escritor galego definía así a Sumar: «Política para consumidores, experimento comercial, una etiqueta sin programa, sin ideología, sin organización. Únicamente un personaje que reparte besitos». Que lle parece?
—Unha falta de respecto. Non sei quen diría iso. Hai tres millóns de persoas que votaron a Sumar, que ten o programa político máis valorado do país. Fomos a única organización política que tomou en serio as eleccións de xullo e os únicos que tomamos en serio as eleccións galegas. E demostramos que temos imaxinación, porque non se pode gobernar sen imaxinación. Sen Sumar no Goberno de España, non se faría todo o que se fixo: os ERTE, a subida do SMI… E somos unha razón de esperanza.
—Que resultado agarda en Galicia este 18 de febreiro?
—Se os galegos e as galegas progresistas votan como o fixeron o 23 de xullo, hai cambio na Xunta. Feijoo tivo 627.000 votos, as forzas progresistas galegas, con Sumar como terceira forza en Galicia, 800.000. Son datos. Fago un chamado aos traballadores, ás mulleres e á mobilización para o 18 de febreiro. Cando nos presentamos en xullo, dixeron iso, que eramos márketing, pero fomos a forza decisiva que impediu que Abascal fose vicepresidente de España. Só con Sumar se ensancha, co PSOE e co BNG non chega. E pido ás forzas progresistas en Galicia que nos entendamos.
—Presentarse en Galicia nas catro provincias non dá azos ao PP para repetir coa absoluta?
—Ao revés, Sumar é a terceira forza en Galicia; e dicían en xullo que para que nos presentabamos, que non ía servir… E sacamos cerca de 180.000 votos e temos dúas deputadas magníficas. Co que hai [PSOE e BNG] non chega. Hai que mobilizar a xente que nas autonómicas non vai votar.
—E canta xente vai votar a Sumar por Marta Lois e canta por Yolanda Díaz, aínda que son eleccións galegas?
—Non o sei. Eu, nas últimas autonómicas, fixen moita campaña en Galicia, por convicción democrática e porque son galega. E porque levamos 14 anos perdidos na sanidade, na educación, na Xustiza, na vertebración do territorio, con menos emprego industrial… Galicia perde peso económico en España, e nós queremos darlle a volta coas políticas que facemos nós desde o Goberno do Estado.
—Sorprendeulle que Pablo Iglesias pedise o voto para o BNG?
—Non, tamén o pide para Bildu.
—Réstalle opcións a Sumar?
—Somos formacións políticas diferentes. Sumar é Marta Lois, e Marta Lois é redución da xornada laboral, reforma do despedimento, sanidade pública...
—E Marta Lois foi a primeira opción como candidata?
—Si. Son unha muller teimuda, e este verán en Baiona citeina para dicirlle que quería que fose a nosa voceira [no Congreso], porque é o rostro de Sumar. É unha profesora recoñecida, investigadora moi relevante e unha gran feminista, unha muller brillante con capacidade de xestión, como demostrou no Concello de Santiago. Díxenlle que quería que se coñecese, que fose o noso rostro, porque sabiamos que habería eleccións galegas. E eu quero un Goberno para Galicia igual có do Estado.
—Pero en tripartito...
—Perfecto, si, tripartito, pero para cambiar a vida da xente.
«Este ano aprobaremos a redución da xornada laboral»
Admite Yolanda Díaz que, pese ás «cifras históricas» na redución do paro en España, hai amplas zonas de sombra no mercado laboral. Fala, por exemplo, dos mozos en paro, pero, sobre todo, das persoas maiores de 45 anos. «É o gran problema». E propón como unha posible mellora «os currículos cegos». «Se no noso país alguén se presenta a un proceso de selección con máis de 45 anos, e é muller, ten un problema», di.
—Como se regulará ese currículo cego?
—Como en Francia, con currículos nos que non figuran trazos de idade ou de xénero, para eliminar esa discriminación que parece que forma parte da cultura empresarial. E iso cando unha persoa de máis de 45 anos está no mellor da súa vida laboral.
—O luns terá unha reunión para avanzar na suba do salario mínimo para este 2024. Canto tempo lles vai dar a sindicatos e empresarios para que decidan? Ou irá por decreto?
—A revalorización do salario mínimo interprofesional é a mellor política pública feminista, porque ten un compoñente de xénero brutal. Podo ditalo por decreto, si, pero sempre o aprobei con diálogo social. Gustaríame que fose así. O ano pasado foi bipartito (cos sindicatos), pero agardo que sexa tripartito. A patronal ten unha posición que non se comprende, hipócrita, de subir por debaixo do IPC. O luns imos avanzar. A CEOE sabe perfectamente que subir salarios é a mellor política para incentivar a economía.
—E cando vai avanzar na redución da xornada laboral que pactou co PSOE?
—De inmediato. Imos facer un cambio para traballar 30 minutos menos cada día, sen rebaixa salarial, que é moi importante, para gañar tempo de vida. É un debate que se ten que dar nas sociedades contemporáneas. Ten impacto mesmo na saúde mental. Facer xornadas máis alá das cinco da tarde é inaudito.
—Ese modelo de traballo cámbiase así, dun día para o outro, por decreto?
—Será este mesmo ano, vai ser con diálogo social, por un lado, e con anteproxecto de lei polo outro, coas forzas políticas. E, paralelamente, melloraremos o control da xornada laboral.