Santi Domínguez: «Aquí non é cuestión de ver quen se colga a medalla»
ELECCIONES GALLEGAS 2009
O candidato do BNG á alcaldía de Vigo, di que a xente está farta de que a cidade sexa unha moeda de cambio
17 may 2011 . Actualizado a las 06:00 h.Naceu na casa, no número 11 de Couto Piñeiro. Segundo vai avanzando a campaña electoral, a tensión vaise notando na axenda e no corpo de Santiago Domínguez Olveira (Vigo, 1964), candidato do BNG á alcaldía de Vigo. «Acumúlase o cansanzo, pero tamén a ilusión e as boas expectativas -di-. As sensacións, sobre todo, son moi positivas; o que recibimos da cidadanía é unha percepción moi positiva e iso axuda a superar o cansanzo».
-Nesta carreira, ¿está un máis atento á meta propia ou aos que veñen detrás?
-Eu estou atento ao Bloque Nacionalista Galego e a ser capaz de explicar con claridade a nosa mensaxe. Que a xente se ilusione, que perciba que hai outro xeito de facer política, que existe outra alternativa para saír disto. Poñendo un símil futbolístico, que xa sabes que o deporte me gusta, no BNG preocupámonos dos nosos xogadores, de que o noso equipo estea ensamblado e de xogar limpo e ben.
-Con sinceridade, sitúese no panorama da noite do domingo día 22...
-Véxome como alcalde desta cidade, porque creo que a xente, sobre todo no momento que estamos a pasar, está un pouco farta de que Vigo sempre sexa a moeda de cambio para outras políticas, do Estado ou mesmo autonómicas. Creo que a xente quere xa, dunha vez por todas, apostar para que Vigo teña realmente o alcalde que merece.
-¿Ve a posibilidade de que saia o PP, con Corina Porro á cabeza, como un paso atrás?
-Non falarei dos rivais políticos, respecto profundamente ás dúas forzas. No caso do PP, o que me parece triste é que unha persoa que aspira a ser alcaldesa desta cidade non queira debater. Iso si que é un verdadeiro paso para atrás.
-Goberno bipartito, pero, na campaña, cada un vai á súa...
-A estas eleccións non se presenta un goberno, senón tres forzas políticas fundamentalmente, cada unha coas súas propostas. Despois do día 22, dependendo sempre do que a cidadanía decida, xa haberá tempo de falar doutras cousas.
-Esta insistencia en separar a Alcaldía da Tenencia, ¿non dá unha idea de que en Vigo hai realmente dous gobernos?
-Isto son máis liortas políticas que cidadás. Dos catro anos de goberno, o que vai valorar a cidadanía son as realizacións, a transformación que precisa a cidade. Eu sempre digo que hai que apostar por un liderado moderno, e os liderados modernos son liderados colectivos. Teño claro que aquí non é cuestión de ver quen se colga a medalla do que fixo; a medalla ten que colgala a cidade. Ocorre, pero non polo lado do BNG.
-[No paseo, en coche, observamos dous grandes carteis pegados un ao outro, un de Abel Caballero e outro de Santi Domínguez] ¿Que ve aí?
-Son dúas imaxes de dous candidatos á alcaldía. Un deles ten as ideas moi claras do que hai que facer nesta cidade... Evidentemente, a figura de Santi Domínguez.
-¿Sofre polo Celta?
-Polo Celta e polos demais equipos da nosa cidade.
santi domínguez candidato do bng á alcaldía de vigo
«Aposto por un liderado moderno. E os liderados modernos son colectivos»