«Hoxe parece prohibido ter un mal día»

A psicooncóloga Beatriz Rodríguez Salas asegura que é un erro obrigar a ser optimistas ás persoas que sufren cancro

.

O tsunami do cancro adoita deixar unha paisaxe desoladora. O paciente, pero tamén os seus familiares, vense engulidos no vórtice dun diagnóstico que non só descompón o seu corpo. As emocións e a mente reciben unha sacudida igual de forte. É a hora da psicooncoloxía. Beatriz Rodríguez Salas (Ourense, 1973) ofrece o seu apoio profesional, desde 1998, na asociación contra o cancro da cidade das Burgas. Pola súa mesa pasan cada ano un cento de persoas novas. Por cada dous pacientes pide axuda un familiar.

 -En qué momento unha persoa decide achegarse á súa consulta?

-Eu destacaría tres momentos clave. Un, ao recibir o diagnóstico. Outro, ao empezar o tratamento, sobre todo implica quimioterapia e perda do cabelo; ese enfrontamento coa propia imaxe sen o pelo supón un impacto emocional moi importante. Outro momento clave que, quizais, sorprenda máis, e ao terminar os tratamentos, cando se pasa de ser un paciente de forma continuada a facer revisións. Hai unha porcentaxe non desdeñable de persoas que é cando se veñen abaixo.

-Por qué?

-É o momento que eu lle chamo «E agora que?». Hai persoas que afrontan o diagnóstico con espírito de loita e teñen unha axenda médica realmente apertada, case como que non lles queda tempo para nada máis. Cando acaban, veñen arrastrando toda esa tensión e a fatiga propia dos tratamentos máis esa perda do que se chama rede segura: deixar de estar vendo continuamente ao teu oncólogo e pasar a velo cada 6 meses. Iso xera angustia: de repente enfrontarte de novo ao que viña sendo a túa vida antes de.

-E como se afronta?

-Nalgúns casos con moitas trabas porque hai persoas ás que un cancro lles supón perder o emprego por baixa prolongada ou por diminución de capacidades.

-Agrava a enfermidade a economía?

-Desde a última reforma laboral os nosos pacientes víronse claramente prexudicados porque os poden botar incluso estando de baixa. Podes partir dunha situación dun traballo máis ou menos estable e, de repente, diagnostícanche un cancro, estás un ano de baixa e nese ano pode pasar de todo: pódente botar, quedar cunha minusvalía que che impida volver ao teu traballo, caída de ingresos... moita incerteza! Aquí vemos familias con todos en paro, risco de perder a casa, sen diñeiro para acender a calefacción... Moitas veces a economía é un estresor moi importante para o paciente.

-E o familiar, qué espera do psicólogo?

-Hai un momento clave, cando saben que hai un diagnóstico oncolóxico antes que o paciente. Veñen buscando asesoramento sobre como afrontar este proceso de información co paciente. Outro motivo habitual é cando ven o paciente desanimado, deprimido ou triste. Tamén se o paciente ten desaxustes emocionais, se está moi irritable e despraza a frustración producida pola enfermidade cara a quen ten máis próximo. Iso faise verdadeiramente duro. Veste con moita impotencia e iso carrexa culpa. Tamén acoden polo impacto emocional que supón para eles velo sufrir, e o falecemento.

-Que non debe facerse cun familiar con cancro?

-Infravalorar e quitar importancia non é adecuado e non adoita ser ben recibido. Dicir o que teñen que facer ou como se deberían de sentir, tampouco. Trasladar a obrigatoriedade ou necesidade de ser positivos porque é clave para superar e enfermidade, tampouco, porque é unha lousa para o paciente. Ás veces séntense culpables ou torpes por non afrontalo adecuadamente.

-Adeus á psicoloxía positiva?

-Unha cousa é a psicoloxía positiva, que ten unha orixe seria e trata de potenciar aquelas cousas que cada persoa ten ou fai que lle van ben. Pero houbo unha especie de burbulla, ese coaching positivo que é como autoaxuda de gasoliñeira, que non ten ningún rigor nin funciona para nada e, ás veces, parece ata ofensivo, moi desconsiderado para os pacientes. Non podes ter a unha persoa cun diagnóstico desta categoría e pretender animala; vai en contra do sentido común.

-Que facer, entón?

-O máis prudente é estar aí, validar como se sente, escoitar, empatizar. Calquera de nós, se pensas que foi o que te axudou nunha situación mala da túa vida, quen estivo máis acertado, normalmente son as persoas que, en lugar de darche un consello ou tratar de resolver, simplemente se sentaron ao teu lado e che puxeron unha man no ombreiro. A empatía funciona sempre, tratar de poñerte no lugar desa persoa e escoitala de verdade; aínda que non acertes, non metes a pata. Ás veces a xente do entorno séntese moi presionada e desorientada sobre como comunicarse co paciente; se non sabes que dicir, podes dicir, simplemente, non sei que dicirche. Soa humano, honesto e próximo.

-Hai que informar de todo ao paciente?

- O modelo paternalista médico-paciente imposto ata hai unhas décadas está obsoleto, por moitos factores. Ese paciente que se foi empoderando tamén demanda información do seu proceso. Isto está recollido desde un punto de vista legal en multitude de textos.

-Á hora da verdade, que se está facendo?

-A pauta é informar, pero hai que ter en conta a nosa cultura de dar voltas. Segue habendo familias que non queren que o paciente sexa informado do diagnóstico ou alcance da enfermidade. As familias fan isto con toda a boa intención do mundo, pero non é o procedemento máis adecuado. O paciente ten dereito a coñecer toda a información do seu proceso, pero isto non implica que sexa pertinente soltarllo como nas películas americanas. De feito, iso non se fai así aquí, vaise moldeando a información e vaise dando cando o paciente a demanda. Hai pacientes que demandan e outros que, simplemente, din: «Non me explique máis».

-Cales son as materias pendentes da súa especialidade?

-A materia pendente, entre outras, é a presenza da psicoloxía no sistema sanitario público, porque os profesionais non dan feito, teñen un volume de demanda inasumible. A maiores, na psicoloxía, hoxe, temos un problema de intrusismo bárbaro. A figura do coach, que realmente significa adestrador, non está regulada; pode haber un coach que fixera un curso de 2 anos e outro de 200 horas, non hai titulación oficial, non está regulado de ningunha maneira, en España non. Tamén estamos vivindo un momento social de moito auxe de terapias alternativas, a maioría delas sen ningún tipo de rigor.

-E Internet? Axuda ou complica o avance?

-Internet tamén é unha fonte de confusión total. Estamos nun momento de moitísima confusión social, circula moita información vaga, errónea e para os pacientes resulta difícil discriminar o que é rigoroso e serio e o que non o é. Teño que facer moito traballo nese sentido na consulta: xente que se obsesiona coa alimentación, por exemplo, ou con estar sempre positivos, con non virse abaixo...

Votación
22 votos
Comentarios

«Hoxe parece prohibido ter un mal día»