DENDE ESCANDOI | O |
15 may 2004 . Actualizado a las 07:00 h.POIS SI, claro; a min pásame o mesmo: non sinto ningún tipo de aversión pola nostalxia. Ao contrario, tamén eu creo que a saudade é unha maneira máis da lucidez, a consciencia de que, fronte ao tempo que fuxe, un é moi pouca cousa, a miúdo nada: quizais un xesto, ou o recordo dunha palabra. Pero o que no creo é que as sociedades poidan vivir instaladas no pasado, coma se o futuro non estivese aí. Dígolles isto, porque cando só faltan unhas horas para o Día das Letras, de novo se escoita -tanto- que a nosa é unha cultura en extinción. E porque tampouco creo niso, ¿saben? Non teño esa visión apocalíptica. O que penso, iso si, é que o mundo está sumido nunha fonda transformación, nun cambio no que é necesario saber construír o futuro. E que quizais, en vez de chorar «polo que se perde», deberiamos preguntarnos qué facemos mal. Eu confío no futuro porque teño unha nena. E porque cando a vexo a ela -cando a vexo a ela, á nosa Ana, e cando vexo os nenos todos: onte mesmo había unha Paula pequeniña no Cantón, entre libros, que era coma o brillo do sol nun corazón- sei que seguirá amencendo todos os días cando xa non esteamos nós. E miren ¿saben cal é, para min, o maior mérito de Xaquín Lorenzo, ao que este ano se lle dedican as Letras...? Traballar para que o futuro existise; sementar para os que virían despois. Galicia é Galicia, resistiu o que resistiu, porque os homes e as mulleres que a habitaron dende o esquecido tempo dos bretóns non viviron buscando imperios, senón pensando nos que aínda non naceran. Ese é o maior dos tesouros, a alma dun país. Da terra na que segue habendo quen di, cando ve chegar o neno do que se estaba acordando (case sempre un neto) que parece que foi Dios quen o mandou vir.