Misión imposible: percorrer as Fragas do Eume sen perderse

María Hermida
María Hermida PONTEDEUME /A CAPELA

FERROL

En directo | Andaina por un parque senlleiro en Galicia Di Medio Ambiente que a estrada que vai a Caaveiro non poden mellorarse porque «senón sería unha autopista». Vale. Pero non só o asfalto falla no recinto...

28 oct 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

? non ser que un sexa da zona ou coñeza o parque natural Fragas do Eume cos ollos cerrados, a entrada pola que a calquera se lle ocorrería chegar é a que parte de Pontedeume. Poñamos que elixe para a visita un venres de outono. Está de sorte. Tras sortear uns cantos baches, chegará sen problema ao centro de atencións aos visitantes. Si, está de noraboa. ¿Por que? Seguramente, de facer a visita en pleno verán ou nunha ponte festiva, tería que botar, xa antes de desembarcar, unha rifa con algún que outro condutor cabreado. E é que, malia as negativas experiencias pasadas co tráfico, a Xunta nunca prohibiu o acceso de milleiros de coches ata o citado punto de información. Unha vez nel, o sorriso é fácil que se lle poña no rostro. ¿Por que? O persoal é agradable, e non escatima as desculpas á Administración por mor do estado da estrada que vai a Caaveiro: «Tampouco se pode facer unha autopista, é un parque natural», aseguran. Sen embargo, en charla distendida, tampouco dubidan en facer referencia a algo que tamén denuncian dende Medio Ambiente: «As cousas aquí non se fixeron ben e os propietarios do parque teñen un sentimento en contra del... nós poñemos un cartel nunha ruta de sendeirismo hoxe e mañá van cunha cadea e cun tractor quitalo», din. Con esa referencia, un tira para Caaveiro. Como non é verán, o coche pode ir case ata o milenario cenobio. Os axentes forestais xa advertiran de que, quizais, podería atopar algún lixo nas inmediacións do monumento. Certo é que se bota en falta un contenedor pero, polo menos, quen fose ocupouse de amontoar as bolsas á beira dunha porta. Cousa distinta ocorre cos restos de obras como vallas e pedras, espallados pola zona sen máis. Confortado coa vista do espléndido mosteiro fundado por San Rosendo no alto dunha pena das Fragas, un decide voltar a Pontedeume. Sen embargo, a curiosidade pícalle cando visualiza o mapa que lle deron na oficina de información e se da conta de que, en contra do que pensaba, o portal recomendado pola Xunta para visitar o parque é o de A Capela. Mans á obra, ponse camiño Ás Neves. «Alí por onde se vai cara Casa Peizás haille un letreiro de algo das Fragas», recoméndalle un veciño. En efecto, haino. O cartel, sen dúbida, indícalle que tanto o portal de Monfero como o de A Capela están por onde vostede veu, cara Pontedeume. Sen embargo, acaba de pasar e viu que non había carteis. ¿Que acontece? Unha nova voz veciñal recoméndalle que «siga por a pista pequena cara casa Peizás, non faga caso do letreiro». No coñecido restaurante, decide preguntar e saír de dúbidas. Teno complicado. No propio local explican: «Sabemos de xente que vai por aí abaixo, pero non estamos seguros... se nos trouxeran algún folletiño». Segue baixando. Máis adiante, un camiño sinaliza a Caaveiro. É unha rota a pé na que, ademais, hai un cartel que pon que o cenobio está pechado por obras. Sorprendente: o mosteiro leva aberto dende o ano pasado. Convencido de que ese non pode ser o verdadeiro portal, decide dar volta e percorrer outra estrada. Correcto. Vai dar a un lugar no que, se se baixa do coche, pode ver un cartel que di que está no parque natural. Só o verá se se apea, porque hai tempo que o letreiro está derribado. Ata aí a búsqueda na Capela, a entrada recomendada. ¿Que que hai dos outros portais menos coñecidos; os de Monfero e o encoro do Eume? Buscalos sería demasiada aventura para un mesmo día.