Autor dalgúns dos máis fermosos libros para nenos escritos en lingua galega, volve residir no Canido da súa infancia e di que non bota de menos ningún outro lugar
01 nov 2008 . Actualizado a las 02:00 h.Débeselle en boa parte a Antón Cortizas a moi fértil contribución ferrolá á literatura galega para nenos. El, como a tamén ferrolá Ánxela Loureiro (e como os lucenses Agustín Fernández Paz e Xavier Docampo, os dous Premios Nacionais), compaxinou desde moi novo o seu labor nas aulas con iso ao que se lle deu chamar narrativa infantil, e que en realidade é o que se escribe non só para quen ten moi poucos anos, senón realmente o que pode ser lido por calquera persoa, con independencia da idade que teña. O autor de Onde o sol non adormece viviu varios anos en Lisboa, pero di que non bota esa cidade de menos. «Non, nin esa nin ningunha outra -comenta Cortizas-. En Lisboa paseino moi ben, os anos que estiven alí foron unha experiencia moi enriquecedora e hoxe en Portugal teño moitísimos amigos. Pero estou ben aquí, que é onde quero estar. Gústame Ferrol, que é unha cidade moi cómoda para vivir, un lugar moi habitable, aínda que tamén é certo que para quererlle a Ferrol é necesario comprender o que é esta cidade». Gústalle especialmente Canido, o seu barrio, onde conserva «amigos de toda a vida, como Pepe Varela», e onde foi fermentando esa materia dos soños da que a literatura está feita. «¡Canido é a savia que alimenta o meu corpo...!», di Antón sorrindo. «Aquí están os escenarios das miñas fantasías, uns escenarios que en case todos os casos xa só permanecen en pé nas lembranzas».
Do rural e do urbano
Dóelle ao escritor que o Canido dos seus anos de neno «xa non exista, case». Lamenta sobremaneira que aquel barrio que «era á vez, aínda que pareza unha contradición, rural e urbano» se vaia enchendo de torres de vivendas mentres desaparecen a arquitectura tradicional e os espazos onde a xente convivía, tecendo lazos que xa tiñan máis de vínculos de familia que de mera amizade. «Nós fomos nenos que pasabamos o día na rúa, que non volviamos á casa ata que se achegaba a noite e nos chamaban», recorda. Tamén Cortizas cre, coma Rilke, que a infancia foi unha patria. E así, deixándose levar polos recordos, regresa co pensamento, lembrando en voz alta, aquel pasado no que o seu pai «tiña unha forxa na casa» e el, co ferro e co carbón, xogaba.