Os custos de oportunidade dos acordos de 2005

Ramón Yáñez

FERROL

03 jun 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Os custos de oportunidade agroman como consecuencia de ter que elixir entre dúas opcións. Cando unha compañía dispón de recursos limitados para desenvolver novos proxectos, e ten que decidir a cal asignalos, debe valorar non só e función do que pode gañar coa opción elixida, senón tamén do que perde de gañar por rexeitar os outros proxectos.

Vén esta consideración a fío polo que está a acontecer co veto á construción naval civil que pesa sobre Navantia Fene. No ano 2005, diante da crise de Izar, impúxose entre os axentes relevantes das rías de Cádiz e Ferrol, xestores, traballadores, sindicatos, periodistas e opinión pública en xeral, a idea de que a salvación para a construción naval podía vir só da man da construción naval militar, dentro da iniciativa pública.

Os asinantes do acordo de 2005, CC.?OO., UGT, Izar, Goberno español e Unión Europea, aceptaron o veto imposto sobre Astano a toda caste de produción para o mercado civil, en troques da condonación de débedas ao conxunto dos estaleiros públicos españois no período 1999/2004. Unhas perdas que agora sabemos non tiña xerado Astano, e si outras plantas produtivas situadas fóra de Galicia que saíron indemnes do proceso de reconversión de 2005. A actividade civil abranguía tamén off shore, na que o estaleiro de Fene tiña acadado imaxe de marca, e recoñecemento, gozando dunha sólida posición en eidos concretos como o da construción de artefactos específicos para a exploración, produción e almacenamento de cru en augas profundas.

Os asinantes do acordo non tiveron visión a longo prazo. Faltoulles posicionamento estratéxico e actuaron, como por desgraza adoita acontecer na actividade económica e na administración pública española, con criterios curto-pracistas. Non souberon valorar que cando un axente significativo deixa de operar nun mercado a súa cota é ocupada sempre, nun prazo de tempo máis ou menos curto, dependendo do grao de especialización esixido, por outros competidores.

Non souberon analizar que a taxa de reposición, medida polo cociente entre novos contratos e entregas, no mercado da construción naval militar é moito máis baixa que a da civil; especialmente en xeiras de crise financeira das administracións, nas que as autoridades se ven na obriga de reducir os gastos e os investimentos públicos.

Non souberon ou non quixeron ver que a evolución cíclica dos mercados do petróleo fai aumentar a actividade de explotación de cru, e xa que logo a construción de plataformas e outros artefactos off shore, sempre que o prezo do barril sobe por encima dos 70 dólares.

Hai uns días rematou a feira de Navalia en Vigo. No transcurso da mesma, acreditados operadores brasileiros veñen de manifestar que no prazo dos vindeiros 10 anos hanse xerar novos contratos nos seus eidos off shore, por importe duns 140.000 millóns de dólares. ¡Non! non me trabuquei nos ceros. O mercado está aí... e nós con estes pelos. Trata do que sabemos facer, pero non podemos concorrer porque os asinantes dos acordos de 2005 non sabían ben o que asinaban. Ignoraban os custos de oportunidade que en termos de actividade, emprego, rexuvenecemento e futuro pode representar a actividade da construción naval civil para Ferrolterra.