Levo tantos anos tratando de concienciar a cidadanía e alertando do perigo do deterioro exponencial que sofre a ría de Ferrol que ata o máis paciente, xa tiña desistido resignadamente. Persevero no meu empeño porque nunca o fixen por convencemento militante de nada, senón fundamentado nun coñecemento científico de máis de 35 anos de traballo dedicado ao seu estudo.
Cando recén licenciado, co entusiasmo da xuventude e dunha vocación innata, comecei a descubrir o seu gran valor patrimonial, aledábame da sorte de ser o cronista científico que contara ao mundo as marabillas que ano tras ano ía descubrindo. Co tempo funme decatando que sementaba en pedra. Os poderes públicos, lonxe de ter en conta o meu saber, semellaba que facían todo o contrario ao que dicía.
Aló polo principio dos noventa, aseguráballe ao noso ínclito alcalde que sería o notario que certificaría a morte da Malata. Pobre pimpín de min, non sabía o que viña aínda por diante, o que me quedaba por ver: recheo tras recheo, contaminación galopante, furtivismo, etc. Mesmo cando dicía que o espigón do porto exterior poñeríalle a puntilla á ría, un preclaro enxeñeiro cualificábame de cavernícola por opoñerme ao progreso. Gustaríame atopar un destemido contable que se atrevera a cuantificar os postos de traballo directos xerados e perdidos.
Agora, temos un porto exterior supermoderno na ría máis enlordada de Galicia; ninguén nos gaña en extensión de zonas C, en metros cadrados de recheo, en volume de verteduras por habitante e por suposto, non hai no mundo unha inutilizada estación de bombeo como o Xardín dos Toxos da Cabana.
Cando un mira a páxina web de Portos do Estado e pulsa en Medio Ambiente atópase cunha ampla información sobre o Compromiso medioambiental de Puertos del Estado, Desarrollo e Innovación sobre el medio ambiente portuario, Sistema de Gestión Ambiental en Puertos, etc.; mesmo na páxina web do Porto de Ferrol di que ten unha Rede de control ambiental, realizando o seguimento de parámetros medio ambientais como, calidade atmosférica, augas, solos, etc.
Indubidablemente, cando un chántase fronte ao Porto de Canelas, dáse de conta que a Rede non funciona, está descontrolada ou é papel mollado. ¿Como un porto supermoderno pode permitir que a praia de Cariño estéase a cementar co clínquer? Vóullelo explicar.
A pesares da multimillonaria inversión do supermoderno Porto exterior, este carece dende o seu deseño das máis elementais infraestruturas de protección medioambiental. Os graneis seguen descargándose a ceo aberto, non hai tolvas nin cintas pechadas nin a máis mínima medida correctora da actividade portuaria. Pero isto non é o máis grave, pois podo certificarlles persoalmente que para o Porto todo o que non é tóxico en si mesmo, non é contaminante, e o que o é ¡foi un accidente! E o clínquer é so cal e arxila ¿que mal pode facer?
A conclusión é doada, nesta ría non hai conciencia de empezar a poñerlle coto á galopante contaminación, nin vontade de empezar a protexer o seu contorno. Entenderán agora vostedes o porqué do titulo deste artigo ¡non se pode acabar o que nunca se encomezou!
Entrementres, as Forzas Vivas din que os trato mal ou que teño unha visón catastrófica da ría, e o resto da cidadanía, non directamente afectada, pois a velas vir.