A noite das Pepitas

por siro

FERROL

A noite do 18 de marzo, meu pai acortaba a partida de dominó no bar O Chollo porque tiñamos que cear cedo para ir ver e oír as rondallas. Seguiamos unha, a que sentiamos máis nosa, e escoitabámola dúas, tres, catro veces. Despois acompañabamos algunha outra e cando volviamos a casa, miña nai, meu pai e eu cantaruxabamos os anacos que máis nos gustaran, como aquel que un solista de voz limpa interpretaba con ese timbre especial que dá a noite:

En la noche silente

Pepita bella,

mientras brilla en Oriente

la hermosa estrella,

al conjuro armonioso

de una añoranza

voy tejiendo, Pepita,

mis esperanzas.

Evocar hoxe as noites das Pepitas dos primeiros anos cincuenta é como ollar os vellos álbumes de fotos familiares, que nos enchen de nostalxia; e ao facelo, ratifícome na opinión de que os nenos de Ferrol non traiamos o bolo de pan baixo o brazo, pero naciamos cantando. Gonzalo Torrente di nun dos seus libros que onde se atopan tres ferroláns hai un orfeón, e seguramente daquela era certo. Formados na coral e na orquestra de punteo do Arsenal, no Coro Toxos e Froles ou nas agrupacións musicais que nacían para perpetuar a tradición da noite das Pepitas, eses tres ferroláns poderían moi ben cantar a tres voces a beleza das nosas mulleres en versos dun romanticismo decimonónico, como:

Pepita bella gentil

yo te amo con frenesí;

escucha el dulce cantar

de enamorado galán.

Porque se a tradición esixe cantar valses, danzas e habaneras co acompañamento de guitarras, bandurrias, bandolinas e violíns, a mesma tradición obriga aos letristas a versificar con palabras doces como tocinillos de cielo.

Pero chegou o rock e fixo estragos. Augusto Assía e a súa muller, María Victoria Fernández-España, estaban en Moscú cando viron na tele un grupo autóctono, cantando rock con pantalóns vaqueiros e guitarras eléctricas, entre o delirio de mozos e mozas. Augusto Assía díxolle á muller: «Totora, alá vai o comunismo». Ao pouco, Gorbachov puxo en marcha a Perestroika.

A pelve de Elvis axudou a acabar co comunismo na Unión Soviética e danou a música coral en Ferrol, que xa é cousa de veteranos con ilusión de rapaces. Pero se os vellos rockeiros nunca morren, os vellos troveiros ferroláns tampouco. E por eso a noite do 18 evoquei unha Santa Compaña de ferroláns inmortais, que forman a máis fascinante rondalla.

Diante ía Ángel Fernández cunha manchea de poemas, entre eles aquel esproncediano do día de difuntos; e, a carón del, o mestre Baudot coa batuta en alto. Acompañábaos Juanito Yáñez coa boquilla na boca e a carteira chea de partituras. Seguíanos Ángel Teixeiro, Juanito Malde, Pérez Parallé, Manuel Masdías, Francisco Saráchaga, Mauricio Farto, José Mallo, Gumersindo Leira, Jesús Cartelle, Figueirido Feal, Evaristo Cansado, Fernández-Pareja, moitos outros letristas e compositores, e centos de cantores e músicos que reviven a ilusión tantas veces sentida nas rondallas Sin Título, Amor Bohemio, Noche de Ronda, Trovo del Alba, Añoranzas de Esteiro, Armonía, Añoranzas e outras que non cito por falta de espazo. Nati Lamas díxome que a viu pasar, xa de volta, sobre a ría, e eu créollo.

sirolopezlorenzo@yahoo.es