Cantar en Ferrol (V)

por siro

FERROL

01 may 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

No coro Toxos e Froles houbo voces espléndidas. Mágoa non ter gravacións da primeira época, cando o tenor Moreno facía unha versión incomparable da canción Pepiña, e Caaveiro podería competir co mesmísimo Miguel Fleta. Eu oíno cando xa ía vello, e coido que nunca escoitei unha voz de tenor lírico máis fermosa. Tamén despois da guerra o Toxos viviu momentos de esplendor, con Cebral apuntalando a corda de baixos durante cincoenta anos, nun país onde son tan escasos.

A Coral Polifónica de Bazán nutriuse coas mellores voces da bisbarra. Dela saiu, a finais dos anos cincoenta, o Cuarteto Clásico, integrado por Félix Lorente, Alfredo Varela, José Orozco Valencia e Yolanda Otero, que marchou a Madrid e foi substituída por Mili Amado. O Cuarteto Clásico actuaba en directo unha noite á semana en Radio Ferrol, e ese día meu pai remataba a partida un pouco antes e viña a paso lixeiro para casa. Acabo de recordar que para concentrarnos mellor escoitabamos a radio a escuras.

As actuacións de artistas afeccionados no Jofre empezaron despois do éxito do programa Desfile de estrellas, que organizara Radio Nacional de España na Coruña, e que na primeira edición ganara o ferrolán Pepe Romero, con só catorce años. Os máis dos intérpretes eran varóns, pero houbo rapazas como Carmen Romero, irmá de Pepucho, e «la señorita Ahío», que tamén fixeron algunhas actuacións. Poucas, porque eran demasiado guapas e cos vestidos palabra de honor alborotaban o galiñeiro. No Trio Martiño, de Pontedeume, cantaba outra moza belida, pero saía flanqueada polos irmáns e non se oía un berro. Tamén se escoitaba con respecto e admiración a Los Cinco Platinos, que interpretaban as cancións de Los Cinco Latinos. O grupo formábano Antonio Ruibal Carusso, Andrés Auz, Quico Bruquetas, Víctor e Manuel Victoria -morto o mes pasado- e Maribel Permuy, a nai do cámara José Couso. Despois a solista foi Merchi López, que ata hai pouco tivo, co seu home, unha moi boa carnicería no mercado.

Pero antes, no 1956, Hernández e Gutiérrez, dous avispados empregados das escolas de Bazán, arranxaran con gran éxito de público no salón Valencia -que tamén foi Cine Atenas e Cine X- uns festivais de fin de semana no que actuaban artistas moi novos. Pepe Romero cantaba as cancións de Pepe Blanco, mellor que Pepe Blanco; Pilarín Ríos as de Concha Piquer; Jorge Juan as de Antonio Molina, formando parella con Raquel Hernández, que bailaba ao seu arredor co vestido de faralaes? Por alí pasaron, entre outros, Maruchi Rodríguez, Antoñita Celeiro, Carmen Fajardo, a irmá pequena de Pilarín, unha neniña loira, vestida de bailarina de ballet, que ía dun lado a outro do escenario dicindo que perdera un patiño e pedindo que o recollesen con cariño, no caso de atopalo; e Manolita Niebla, unha rapaza simpatiquísima que facía unha versión moi tenra de La chica de la estación, que espera inútilmente a volta dun noivo que marchou.

Pilarín Ríos era moi bonita e cortaba o alento cando saía cun vestido branco e longo, acampanado, cantando o romance de María de las Mercedes.

Hai moitos anos que marchou a Vigo e non quere nin oír falar daquela experiencia, pero o certo é que os ferroláns vivimos a emoción da primeira Operación Triunfo, con Bisbal, Rosa, Chenoa, etc., coarenta e cinco anos antes.