Cousas que xa non hai (II)

POR SIRO

FERROL

08 ene 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Gustaríame dicir que en Ferrol xa non hai machismo, pero non sería certo. O que xa non hai é quen crea, con Pilar Primo de Rivera, que Las mujeres nunca descubren nada; les falta el talento creador reservado por Dios para inteligencias varoniles; nin que La vida de toda mujer, a pesar de cuanto ella quiera simular -o disimular- no es más que un eterno deseo de encontrar a quien someterse. Non pode habelo porque nas últimas décadas o fracaso escolar é menor nas nenas que nos nenos, o rendemento académico maior nas mulleres que nos homes, e o avance feminino en todas as profesións, admirable. Pero é que me estrañaría moito que mulleres da Sección Feminina de Ferrol, tan simpáticas como Loli Sandino, a quen tratei en Bazán; Elisa Monzón, á que coñecín cando casou con Arévalo; e Pura, a muller de Ezequiel Quinteiro, coa que tiven excelente amizade, asumisen semellantes despropósitos. Nin o imaxino en Lucila Ucha, a filla do arquitecto; en Maluqui, a tía de Corina Porro; en Teté Boado, Tere Cáceres, Lolita Caballero, Maruxa Fontenla, Lilita e Fina Méndez, Carmen e Chicha Naveiras, Fina Vez, Isabel Vigo, Conchita Charlón, Meca Arcos, as irmás Benasach, as irmás Abrodes, as irmás Rodríguez Cubeiro? Nin na miña inesquecible amiga Carmen Palacios, que fora delegada en Luarca.

Hai tempo que as mulleres exercen profesións que nos anos coarenta lles eran vedadas, e non teñen que deixar o posto de traballo se casan. Non están obrigadas a imitar á muller do César, sendo honestas e demostrándoo con pudor e recato no vestir e nas actitudes; por eso nas noites de fin de semana no Caché, no Ballance, no Dolce Vita, no Súper 8 ou no Cazadores as vinteañeiras mostran os seus encantos con el incentivo de modas y modos inverecundos. Os noivos de pouco tempo non as esperan lonxe das súas casas, como facía eu, para que non andivesen en boca dos veciños; nin levan unha amiga de carabina; nin van ao cine á sesión da tarde, para non saír con noite pecha, tamén polo que dirán. Que alguén tente explicarlles o do que dirán á parelliña que se dá o lote na praia, na rúa ou no bus en hora punta, e os rapaces pensarán que lles fala en albanés, búlgaro ou chamicuro.

O recato e o pudor da muller preocupou ás autoridades políticas e relixiosas do franquismo, que impuxeron o albornoz e o bañador de faldra nas praias; e a faldra longa con pololos por debaixo no deporte. Pilar Primo de Rivera foi ao fondo da cuestión: «Si tu marido sugiere la unión, entonces accede humildemente, teniendo siempre en cuenta que su satisfacción es más importante que la de una mujer. Cuando alcance el momento culminante, un pequeño gemido por tu parte es suficiente para indicar cualquier goce que hayas podido experimentar. Si tu marido te pidiera prácticas sexuales inusuales, sé obediente y no te quejes».

Se a muller ideal de Pilar Primo de Rivera existiu algunha vez, hoxe non a hai, nin o seu recato tampouco. Contábame un coñecido xinecólogo de Ferrol que ao recoñecer a unha paciente xove e guapa, viulle unha leve irritación vaxinal, pero díxolle que non lle receitaba ningún fármaco porque podería curarse ela mesma, poñéndose un pouquiño de iogur. A moza preguntoulle con naturalidade: «¿Puede ser de chocolate, que así lo aprovecha mi marido?».

sirolopezlorenzo@yahoo.es