eguramente non se decataron, pero onte día 26 adicouse ao Día da Educación Ambiental. Esa data de febreiro débese a que nese día de 1971 o entón presidente da ONU, U Thant asinou un manifesto sobre a celebración do Día da Terra. Foi o resultado dun movemento nado tras dos excesos industriais das décadas anteriores, buscando a toma de conciencia da humanidade da súa dependencia da calidade do medio. A educación ambiental, EA, popularizouse a finais dos 70 como ferramenta para introducir ao público dous aspectos esenciais: entender os complexos e delicados procesos ecolóxicos e o rol das persoas para respectalos.
Máis de trinta anos despois, a EA segue a ser tan necesaria como insuficiente. Necesaria pois os problemas ambientais medraron como leveda a masa do pan: en todas as dimensións. Insuficiente, pois asimilada tanto polo sistema educativo como pola dialéctica política, segue sen acadar os resultados que a saúde ambiental do planeta precisa. Na escola, pese a magníficos exemplos de aplicación en moitos centros, é un tema diluído na transversalidade. Como actividade educativa non formal, a crise está a ser demoledora co peche de equipamentos e programas. Hai excepcións a eloxiar, como o esforzo de Ferrol mantendo tres instalacións (Parque Acuaciencia, Aula de Ecoloxía Urbana e Aula Reciclaterra), e a exemplar colaboración coa Sociedade Galega de Historia Natural. Máis EA por favor.