De fútbol e do Inferniño

POR SIRO

FERROL

Siro

26 ago 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Empezou a liga e volvo recordar a emoción que sentía de rapaciño ao oir as retransmisións radiofónicas que Matías Prats e Enrique Mariñas facían dos partidos que xogaba o Madrid de Distéfano por Europa adiante. A min Matías Prats e Enrique Mariñas non me caían ben, porque, aínda que non os cría, amolábame que cando ían aos países comunistas aproveitasen os minutos de descanso para denunciar a pobreza da xente, a cativeza dos hoteis e a cutrería das instalacións; logo, cando Gorbachov derrubou o decorado do falso progreso na Unión Soviética, souben que non mentían. O que de rapaz intuía e de maior entendín, é que Matías Prats era un gran xornalista e un anovador da lingoaxe deportiva con figuras retóricas, case poéticas, como cando dicía aquelo de el balón besó las mallas, ou el esférico rozó la cepa del poste. Hoxe os comentaristas deportivos van pola brava e din cousas que nin se entenden, como cando chaman palo corto ao que está máis perto do xogador que ten o balón, e palo largo ao que está máis lonxe.

Matías Prats botaba man da xeometría e falaba de ángulos, rectángulos e semicírculos para que os oíntes entendesen onde tiña lugar a xogada; tamén hoxe os locutores recorren á xeometría para demostrar que non teñen nin idea do que é un plano, e por eso confunden perpendicular con vertical e paralela con horizontal; e din que un equipo fai xogo horizontal cando o balón vai dunha a outra banda laterais, e que fai xogo vertical cando ataca a portería contraria. O pasado xoves vin nun bar próximo a Ferrol o partido Barça ?Real Madrid. Perto de min dous bazaneiros que estudiaron xeometría descriptiva na escola de aprendices, comentaban as xogadas e chegaron á conclusión de que o Madrid é vertical sempre, e que o Barça xoga horizontal, pero cando é vertical non hai quen o pare. Sen dúbida o xornalismo ten moita responsabilidade na perversión do idioma.

As que non variaron son as aldraxes que os afeccionados que perden a chaveta dirixen a árbitros e xogadores do equipo contrario. As que un marruán dixo o xoves a Sergio Ramos por pisarlle unha man a Pedrito eran as mesmas que eu escoitara, hai cincoenta anos, no Inferniño. Tiña eu dez cando o campo de fútbol do Racing pasou a ser oficialmente o Estadio Municipal Manuel Rivera, pero os ferroláns, malia a admiración e o afecto que sentiamos polo gran xogador local, seguimos dicindo o Inferniño. E non me estraña, porque non hai topónimo máis fermoso e suxerente na cidade. Aquel terreo era o Inferniño moito antes de que os diablillos verdes queimasen aos rivais no terreo de xogo. Para os nosos devanceiros debeu de ser a porta e quizais tamén -o diminutivo parece indicalo- a antesala do Inferno; un lugar intermedio onde os condenados irían afacéndose a males maiores.

Por eso non se entende que a empresa Gepersa chamase Centro Comercial Porta Nova ao que construiu na praza do Inferniño, no ano 1995. Porta Nova quedaría moi ben na Praza de España, pero non no Inferniño. Pedir aos actuais responsabeis do centro comercial o troco do nome, sería, seguramente, moito pedir. O malo é que ese nome tan sen xeito, fai que moita rapacería, con pouco interese polo pasado, empece a chamarlle Porta Nova ao Inferniño. E eso si que é grave.

siro@siroartista.com