Os Vivanco

POR SIRO

FERROL

SIRO

21 oct 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

O primeiro Vivanco que chegou a Ferrol, a comezos do século pasado, chamábase Julián e viña dun escuro pobo de Burgos cunha idea moi clara: crear na cidade unha fábrica de zapatos e facerse rico. Conseguidos ambos propósitos, levou o fogar familiar a unha fermosa finca de Serantes, onde medraron, con toda clase de luxos, as fillas Teresa e Manola, e Julián, o fillo pequeno, que, andando o tempo, poñerían cadansúa tenda de calzado na cidade. Julián non foi bo administrador e tivo que vender o comercio a un empregado e quedar de encargado, aínda que a xente seguiulle chamando «don Julián» e tratándoo como dono.

Joaquina, a filla de Teresa, casou con Juan Torres Piñón, ferrolán, enxeñeiro de Camiños, que acadou éxito profesional extraordinario en Madrid e, ademais -cousa estraña nos enxeñeiros-, é unha recoñecida autoridade en materia de arte, vocal no Patronato do museo Reina Sofía, membro de honra do Guggenheim e correspondente da Real Academia de San Fernando. Fillo de Juan e de Joaquina é Joaquín Torres, o arquitecto de moda en España.

Julián tivo sete fillos, varios con proxección pública. Pilar, a maior, foi muller de forte personalidade e monxa da Compañía de María con ideas avanzadas, que a levaron a Bruxelas para traballar coa emigración. Cando enfermou de párkinson veu morrer a Ferrol.

Julián, o segundo, deuse a coñecer como prometedor poeta no 1966 co libro Sin voz y sin palabras, pero non publicou nada máis. Actualmente é o alcalde de Marugán, en Segovia; un bo xestor sen vocación política, que xa mercou piso en Ferrol para deixala en canto poida.

Fernando, intelixente e brillante, puido ser moitas cousas, pero quedou a medio camiño de todas. Aos dezaoito anos marchou cunha beca a Madrid para estudar no Colegio Mayor San Pablo, cos fillos de familias ben de toda España, e mentres facía Filoloxía Clásica entrou no TEI -Teatro Español Independiente-, do que saíron moitos actores e directores de cine e teatro actuais. Fernando tería que ser un deles -estivo con Almodóvar no comezo e traballou con Berlanga, Fernando Trueba, Cuerda?-, pero un matrimonio precipitado, aos vintedous anos, e un carácter que lle impedía pedir axuda a ninguén, arredouno da farándula. Trocou a filoloxía pola informática e converteuse nun excelente programador. Aínda así, cando morreu o 7 de setembro pasado, deixaba unha relación de máis de trinta títulos de películas e series de TV, nas que participara como actor secundario.

Jesús, persoa entrañable, pasou media vida sen saber para que valía, nin se valía para algo. Ser perito naval en Bazán e Astano, técnico-comercial en varias empresas de Madrid, almaceneiro e responsable de producción na Editorial Akal, ou estudiar periodismo, non fixera máis que agrandar a súa frustración. Ata que un día entrou de locutor en Radio Nacional e a comezos dos oitenta tivo a oportunidade de botar andar os informativos de Radio 3, aos que deu contido e forma axeitados a unha audiencia xuvenil que vivía, ilusionada, o inicio da democracia. O éxito fixo que os responsables de Radio Nacional lle confiasen a posta en marcha de Radio 5 todo noticias, ao que Jesús deu un formato absolutamente novidoso, máis variado aínda que o de hoxe, pola intervención das emisoras rexionais. Ferrol premiouno facéndoo Ferrolán do ano 1995. Agora, xubilado, pasa tanto tempo en Ferrol como en Madrid.

siro@siroartista.com