Nas primeiras experiencias teatrais que se fixeron en Ferrol despois da Guerra Civil tivo moita importancia don Victorino, o director do Instituto, quen, ademais de interesar os alumnos na literatura, animounos a crear, a finais dos anos cincoenta, un grupo de teatro no que estaban Xoana Torres, Carlos Perille, Quirino Bores e outros mozos e mozas que montaron obras como As bruxas de Salem, de Arthur Miller; e Hoy es fiesta, de Buero Vallejo; autores que non eran do agrado do Réxime. Anos despois, Alfredo Osset, funcionario de Mariña, dirixiu o grupo Teatro Estudio, que contaba cun elenco de actores e actrices numerosísimo, do que saíron profesionais do teatro e da dobraxe como Carlos Dapena e Xaquín Lens; e no que participaron ferroláns tan coñecidos como Viki Taibo, Fernando Bores, Eduardo Santalla ou Xavier Alcalá. Do Teatro Estudio escribiu José Torregrosa un documentado e cariñoso recordatorio para Ferrol Análisis, que tamén se pode ver en Internet.
Pero antes, nos anos 49 e 50, xa se fixera teatro popular, de carácter relixioso, no adro de San Xulián. Non sei quen o organizaba, nin quen o dirixía, pero por Nadal e Semana Santa representábanse autos sacramentais, con actores e actrices improvisados e con soldados e mariñeiros como figurantes. O máis espectacular e de maior éxito era La cena del Rey Baltasar, de Calderón de la Barca, que non trata do rei mago que foi a Belén, senón do rei de Babilonia a quen o profeta Daniel augura a fin do seu reinado, ao ser derrotado polos persas. Cando pola parede do templo baixaba un lenzo coas palabras MANE, PHARES, THEKEL, que Daniel interpretaría como o anuncio do fatal destino do rei, a xente quedaba sobrecollida.
Outras representacións eran menos ambiciosas, e actores e actrices limitábanse a deambular polo escenario mentres un narrador, empoleirado nunha tarima, explicaba o significado de cada escena. Nunha delas, o narrador preguntaba a grandes voces: «¿A dónde vas, Juan; a dónde vas?». E un quinto que pasaba pola rúa da Igrexa, pensou que llo preguntaban a el, e respondeu: «¡A levarlle o paraugas e os chanclos á miña señorita!»
Como non había cartos, o vestuario facíase con papeis de cores, e un día, cando o narrador anunciou: «¡Ahí viene la Verónica, más hermosa que Raquel!», entrou en escena a Verónica, unha moza fermosota, que deu una volta en redondo e se detivo, de costas a un soldado romano. Ao pouco, o soldado empezou a berrar: -¡Quitádema de diante, que racho o papel!
Algúns dos meu amigos estudiaban na Escola obreira e no Nadal ía con eles ás representacións que os alumnos facían ante un espléndido Belén. Os textos dramáticos carecían de interese, pero si as panxoliñas que cantaban ao remate; algunhas de José Pacheco, mestre de capela na catedral de Mondoñedo no século XIX, e outras populares dos séculos XVIII e XIX, que don Manuel Pérez Fanego recollera e levara, harmonizadas, ao pentagrama. No ano 1974 a Coral Polifónica gravounas, pero o disco non se editou ata o 1991, cando xa don Manuel non puido velo.
Recollida en San Nicolás de Neda e transmitida de pais a fillos ao longo dun século, é a que di na primeira estrofa: Meu pequeniño, miña monada, meu pequeniño, deitado nas pallas.Por veces chora, por veces cala, a Virxe María o agarimaba. Vaia con ela o meu desexo dun feliz Nadal para todos vostedes.
siro@siroartista.com