José Luis Calvo Casal é dous anos máis novo ca min e, aínda que coincidimos en Rapariz, non nos coñecemos. O pai, José, ferrolán de Ferrol Vello, foi un mestre depurado no 1936 e rehabilitado no 1961, pero coa obriga de exercer tres anos fóra da provincia. Foi así como a familia deixou a casa de Xoane para ir a Mazcuerras, en Santander, onde o mestre e Emilia, a muller, pasaron os mellores anos da súa vida.
José Luis rematou o bacharelato en Dafonte e fixo Maxisterio en Santander. Home moi sensible á inxustiza social, preferiu exercer a docencia en barrios pobres, mesmo marxinais, primeiro en Cantabria, logo en Bilbao e os últimos 30 anos en Málaga. Máis que un mestre, José Luis Calvo foi un activista educativo e social, que mentres propuña solucións ao absentismo escolar, promovía a federación das APA do ensino público en Bilbao, e aguilloaba ás administracións para erradicar o chabolismo e a marxinación en Andalucía.
Pero ninguén pense que este home, que no 1977 levou a centos de pais e milleiros de alumnos ante o concello de Bilbao e conseguiu que o último alcalde franquista accedese a dialogar cos sindicatos para poñer fin a unha folga de basureiros, que causara o peche das escolas; este ferrolán a quen os xitanos de Mijas recoñeceron como único portavoz ante a Xunta de Andalucía, anda cun coitelo entre os dentes. Nada deso. José Luis Calvo ten rexas conviccións, pero tamén carácter amable e fino humor, de aí que, ás veces, recurra ao verso para que as cousas se aprendan e recorden mellor. Como a versión en cómic que dos dereitos do neno, aprobados por Nacións Unidas, no ano 1989, fixo para PRODENI -Pro Derechos del Niño y la Niña-, organización non gubernamental, sen ánimo de lucro e de ámbito español, que promoveu no 1987.
O labor realizado por esta asociación nos anos noventa fai que hoxe nos pareza incrible que, hai dúas décadas, non se prohibisen en España nin a mendicidade, nin a pornografía infantís. Cando PRODENI convocou unha roda de prensa, no 1997, para mostrar as imaxes de pornografía infantil que se podían obter en internet, causou un impacto social enorme, e marcou o comezo dunha nova actitude das autoridades ante o problema. PRODENI conseguiu que o delito de corrupción de menores fose recollido no Código Penal, interviu na escolarización de nenos con sida, e a través do telefono do neno atendeu miles de casos de menores maltratados en toda España. A actividade de José Luis Calvo foi tal, que no 1995 o diario El Mundo considerouno un dos cen españoles do ano. No 2009 interviu no Senado cunha ponencia sobre adopción nacional, ante a comisión encargada de realizar o estudio correspondente.
PRODENI tivo moitos éxitos, pero tamén fracasos dolorosos, sempre ante a Xustiza, e por casos de adopción. Confeso que cando me documentaba para escribir este artigo tiven que suspender durante horas a lectura da traxedia que viviu unha nena canaria pola soberbia, a falta de humanidade e o corporativismo duns xuíces que non pensaron nela en ningún momento.
Casos semellantes déronse en Soria e en Málaga, tres experiencias moi duras que o ferrolán aturou en primeira liña. Nótaselle nos ollos azuis, nobilísimos, un chisco cansos e tristes; pero segue na brega diaria cun lema que define a súa personalidade: As forzas que me faltarán mañá, estounas gastando hoxe.
siro@siroartista.com