SGHN e Ferrol

Xan R. Silvar

FERROL

05 abr 2013 . Actualizado a las 13:18 h.

Ocupar portadas no principal xornal de Galicia e unha páxina nun dos principais rotativos de España non é doado. Especialmente nestes días de novas tan deprimentes e reiteradas como a chuvia que non nos deixa. Pero atopar oco durante dous días xa é unha fazaña, máxime cando a noticia ten carácter científico: a quen lle importa a aparición de catro especies duns raros cetáceos xa extintos coa que cae de economía, de xudicatura, de ética cidadá? Pois posiblemente o interese teña relación coa cidadanía, porque foron centenares de persoas as que dende 1979, cando se instalou a delegación da Sociedade Galega de Historia Natural en Ferrol, fixeron posible ese modesto gran tesouro que é o Museo e Biblioteca da Natureza. Xentes interesadas, pero por coñecer mellor o medio natural, interesadas en divulgalo para que a ignorancia non sexa a causa, interesadas en defendelo coas febles armas do coñecemento e a razón.

Foron moitas as persoas que aportaron materiais, información, iniciativas e tempo, moito tempo de voluntariado para ir construíndo o fondo museístico, xa de luxo en canto os cetáceos. Tamén para facer pescudas científicas, campañas de divulgación ou recuperar focas, tarefas que acadaron o recoñecemento de Ferrol, incluíndo as corporacións municipais que tiveron visión para conveniar o local do antigo hospicio e apoiar o futuro dun museo da natureza con pasado e presente