De ben nacidos

Xan R. Silvar EN POSITIVO

FERROL

03 may 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

É ser agradecidos. O pasado sábado, nun ateigado auditorio do Toxos e Froles, os asistentes que enchían o seu aforo -quedou xente fóra e outros seguiron o concerto de pé- recibimos o regalo de escoitar nin máis nin menos que ao vasco Kepa Junquera e aos músicos de La Musgaña Carlos Beceiro e Jaime Muñoz. Un luxo de programa pola categoría musical de todos eles, figuras de referencia da música de raíz en España, tocando nun entrañable formato que permitiu apreciar a súa altura musical e tamén percibir a riqueza humana destes grandes músicos. Percibila como? Pois no discurso que un formato destas características permite, cunha proximidade entre público e músicos que outros auditorios non favorecen. Así, todos eles enriqueceron a música con datos sobre as súas orixes, anécdotas frescas do longo camiño andado e xestos que falan por si, como a emocionada dedicatoria que Carlos e Jaime fixeron á xeración dos seus pais. Unhas xentes que tiraron para adiante nuns anos nos que nada era doado, nos que o material era escaso e a sociedade non tiña máis colchón social que o propio traballo ou a solidariedade das familias e os veciños. Falamos dos anos cincuenta ou sesenta, non do século XIX, antes deste «estado de ben estar» que nos furtan arteiramente, con escusas tramposas e impresentables. Toca facer coma os pais de Carlos e Jaime: demostrar que outra versión deste país é posible.